Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O presidente brasileiro defende a Chávez

Un deputado do PSOE critica os modos "diplomaticamente inaceptábeis" de El-Rei

Hugo Chávez aproveita o incidente diplomático da pasada fin de semana para incrementar o "control" sobre o empresariado español.

Redacción - 09:00 15/11/2007

"Van ter que render máis contas", explicou o presidente de Venezuela, Hugo Chávez, ao respecto da actividade de empresas españolas no país. O mandatario realizou estas declaracións ao fío das súas novas reflexións sobre o suceso da pasada fin de semana cando Juan Carlos de Borbón o mandou calar durante o Cumio Iberoamericano.

Coa actividade de importantes grupos empresariais, caso de Telefónica, Repsol ou os grupos banqueiros de BBVA e Santander, no punto de mira, Hugo Chávez insinuou que está "sometendo a profunda revisión as relacións políticas, diplomáticas e económicas con España". "Vou meterlles o ollo a ver que é o que está pasando aquí, a todas as empresas españolas que estean en Venezuela", comentou.

Mentres, en Brasil, o presidente Lula da Silva opinaba sobre a recente polémica e pedía respecto para Hugo Chávez. "Inventen algunha cousa para criticar a Chávez, pero non o critiquen por falta de democracia en Venezuela", expuxo Lula. "Xa pasou por tres referendos, tivo eleccións e plebiscitos. Aló o que non falta é discusión", defendeu o presidente brasileiro. "Quéixanse porque quere un terceiro mandato? E por que ninguén se queixou por exemplo de que Margaret Tatcher permanecese tantos anos no poder?", afirmou.

Por outro lado, Francisco Garrido, deputado dos Verdes adscrito ao PSOE, presentou na Mesa do Congreso unha pregunta onde pide o pronunciamento do goberno español sobre os "modos diplomaticamente inaceptábeis" de El-Rei. Garrido solicita que o executivo explique se comparte a "agresividade" do monarca fronte ao presidente de Venezuela. O deputado socialista considera que o Borbón "danou" a imaxe do Estado español en Latinoamérica e acaparou "unha relevancia política que a Constitución non lle concede".


4,8/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: