O Comité de Dereitos Humanos do organismo europeo critica os métodos da UE e da ONU na elaboración destas 'listas negras'.
A comisión xurídica da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa aprobou esta semana un informe do Comité de Dereitos Humanos, onde se critica o procedemento empregado polo Consello de Seguridade da ONU e pola UE para incluír na súa 'lista negra' de persoas e organizacións terroristas a sospeitosos de manter vínculos co terrorismo.
O informe considera que os métodos para a elaboración desta listaxe son "totalmente arbitrarios e sen credibilidade ningunha".
"Os procedementos son indignos" destes dous organismos, sostén o Consello de Europa nun comunicado, onde pide a revisión "con urxencia" destes métodos para garantir a "equidade".
Na actualidade, 370 persoas en todo o mundo viron os seus bens conxelados e se lles prohibe viaxar porque o seu nome figura na lista da ONU, e outras sesenta na da UE.
Os afectados, nin advertidos nin escoitados
"Estas sancións impóñense sobre a base de meras sospeitas", afirman no informe. "Mesmo os membros do comité encargado de decidir a inclusión dunha persoa na 'lista negra' descoñecen todos os motivos que están na orixe da presentación da solicitude", engaden.
Segundo o Consello de Europa, "a persoa ou a entidade afectada non é nin advertida nin escoitada e, ás veces, nin sequera é informada da decisión que se tomou até que intenta pasar unha fronteira ou usar unha conta bancaria".