Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Arquivo da experiencia

Verbas para crear memoria

A Internet será o medio elixido para dar a coñecer o Arquivo da Experiencia, un proxecto que ten como finalidade a conservación da memoria histórica colectiva.

Redacción - 11:20 03/11/2007

Máis de 200 coruñeses maiores de 55 anos deixaron xa o seu testemuño neste Arquivo da Experiencia, un novo proxecto que pretende recompilar as lembranzas dos nosos maiores, e a partir delas, construír unha fonte de información cultural, enriquecendo ao tempo a memoria histórica colectiva do país. A iniciativa "permite que as historias persoais cheguen aos máis novos, conseguindo perpetualas no tempo a través do coñecemento" segundo indican os promotores.

O proxecto, que recollerá datos en todo o Estado, comezou co traballo de campo na cidade da Coruña, onde permanecerá até o vindeiro día 22 de novembro. A Concellaría de Servizos Sociais desta localidade foi a creadora da idea, que actualmente está apoiada pola entidade Red.es do Ministerio de Industria.

Historias e documentos
Os maiores interesados en dar a coñecer as súas experiencias teñen que desprazarse até os centros culturais, onde se atoparán cun documentalista e cun cámara, que os entrevistarán e que poderán escanear e fotografar os documentos ou obxectos dos que os participantes queiran deixar constancia. Cada un dos encontros durará arredor de 25 minutos e poderanse realizar de mañá ou de tarde.

Todas as narracións, documentos e obxectos recollidos serán accesíbeis para a cidadanía a través da súa páxina web. A páxina está dirixida en especial aos escolares, que grazas a ela poderán coñecer máis profundamente os costumes e a cultura inmaterial do noso país.

Xa podemos ver as primeiras mostras recollidas na Coruña.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: