Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOVA FORZA POLÍTICA

O Movemento pola Base aposta na súa asemblea constituínte por rematar coa “deriva” do BNG

A organización considera que se “está a renunciar aos principios transformadores e de superación do actual marco político e xurídico”.

Redacción - 18:03 29/10/2007

Logo de que se creara hai algo máis dun ano como colectivo crítico de cara a última Asemblea Nacional do BNG, o Movemento pola Base culmina o proceso para se converter nunha organización política. Este domingo celebrou a súa asemblea constituínte no municipio de Teo.

O MpB defínese como unha “organización da clase traballadora que asume como principios e obxectivos os intereses estratéxicos da clase obreira galega”. Segundo un comunicado feito público este luns, a meta última é lograr a “independencia nacional e a transformación e xustiza social”.

A pesar de manter a vontade de traballar dentro das estruturas do Bloque, o MpB non aforra críticas á praxe actual da organización frontista. Por iso, entenden que o obxectivo prioritario debe ser “rematar coa deriva liquidacionista que a quere homologar a calquera outra forza política do sistema e renunciar aos seus principios transformadores e de superación do actual marco político e xurídico”.

A Mesa Nacional da organización está composta por: Paulo Paio Rubido, Rafael Peña, Marcos Botana, Xavier Álvarez Carriba, Pilar Rodríguez, César Caramés, Miguel Anxo Abraira, Manuel Mera, Antolín Alcántara, Uxío Breogán Diéguez e Inacio Luxilde. A este grupo sumaranse outros doce vocais en representación das comarcas.


Un proceso de máis dun ano

A asemblea constituínte do Movemento pola Base é un paso máis da reorganización interna do BNG logo da competida Asemblea Nacional celebrada en decembro do ano pasado. Hai que lembrar que naquela ocasión foron catro as candidaturas presentadas ao Consello Nacional: A denominada “oficial” (encabezada por Anxo Quintana e apoiada pola UPG); a do Encontro Irmandiño (liderada por Xosé Manuel Beiras); a da Alternativa (con Charo Fernández Velho, á fronte); e a presentada polo Movemento pola Base, nucleada arredor do sindicalista Fermín Paz Lamigueiro.

Naquela asemblea o MpB conseguiu o 10% dos votos da militancia o que lle serviu para acadar cinco representantes no Consello Nacional (A candidatura “oficial” logrou 31; Encontro Irmadiño, 9 e A Alternativa, 5). Boa parte dos afiliados que se adscribiron inicialmente ao Movemento tiñan militado con anterioridade na UPG e proviñan do sindicalismo nacionalista.

En xullo deste mesmo ano, tamén o Encontro Irmadiño anunciaba que estaba a preparar unha asemblea constituínte que se celebrará cara final de ano. O colectivo liderado por Beiras tamén esixe un maior peso das teses soberanistas dentro do BNG.


3,65/5 (31 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: