Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Voltas e reviravoltas do nepotismo

O PPdG sostén que o "enchufismo" pervive na Xunta actual

O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda censurou o "nepotismo" do Goberno Galego e di que ten "case como relixión" a colocación de amigos e familiares na Xunta.

Redacción - 18:50 26/10/2007
Alfonso Rueda, secretario xeral do PPdeG

Alfonso Rueda, secretario xeral do PPdeG

Despois das críticas sobre a contratación do cuñado de Mariano Rajoy na Fundación Cidade da Cultura (a pesar da súa escasa experiencia laboral), Rueda respondeu acusando ao Goberno Galego de "facer do nepotismo un modo de vida" e citou varios casos de familiares de cargos do PSdeG e do BNG que traballan para a Xunta.

Comezando polo PSdeG e repasando tamén os familiares dos nacionalistas
Rueda comezou citando o marido da actual conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, quen, segundo dixo, recibiu 600 mil euros en bolsas de investigación; e continuou coa muller do concelleiro de Presidencia, Méndez Romeu, que foi nomeada vicepresidenta do Consello Escolar de Galicia.

Ademais falou do asesor parlamentario de Méndez Romeu, que é fillo do ex alcalde de Cerceda, Fernando Martínez (PSdeG), quen tamén foi asesor de gabinete na época de González Laxe. E da noiva do fillo de Ismael Rego (voceiro do PSdeG no Parlamento), que a presidenta da cámara, Dolores Villarino incorporou ao seu gabinete.

Ás voltas con Caride, quen "salta as fileiras para facer o DNI"

A dereita acaba falando de enchufismo para arranxar a "documentación" máis elemental. Da conselleira de Política Territorial, María José Caride, falou de irregularidades no seu acceso a unha praza universitaria, e que é moi dada a "saltar as fileiras e facer o DNI nuns minutos".

E no mesmo sentido tamén falaron da titular de Cultura, Ánxela Bugallo, quen, segundo palabras de Rueda, "tamén tivo que se facer o pasaporte pola vía de urxencia, isto é, usando as influencias".

Tamén Teresa Táboas, a conselleira de Vivenda, contratou "para realizar algún proxecto" ao arquitecto Beiras García-Sabell, fillo de Xosé Manuel Beiras e Teresa García-Sabell.

Para terminar tamén falaron do nomeamento de varios directores xerais da Xunta, familiares do ex alcalde vigués Ventura Pérez Mariño e do ex secretario xeral de Vicepresidencia, Antón Losada, así como do fiscal xeral do Estado, Cándido Conde-Pumpido.

Vigo e a CRTVG
Ademais, o PPdeG tamén acusou director da Radio Galega, Virxílio Costas, de adxudicar "a dedo" a realización dun cedé promocional á empresa na que traballa a súa dona; e ao director de informativos da TVG, Roberto Cid, de contratar á súa muller "para o departamento que dirixe".

Finalmente, Rueda falou do Concello de Vigo, do que dixo "é a nota", xa que asegurou que o alcalde, Abel Caballero, empregou, antes de ser o rexedor, a 30 persoas "fillos de, noras de ou sobriños de" no Porto de Vigo.

Rueda concluíu a súa listaxe comentando que "o enchufismo é un auténtico deporte practicado por este goberno con vantaxe".


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: