Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REVIVAL ELECTORAL

Na Arnoia a busca de votos casa a casa prosegue seis meses despois

Este domingo están chamados a votar 700 veciños, logo de que se ordenara repetir a votación nunha mesa. PSdeG e BNG acusan ao alcalde de pedir o sufraxio polas noites.

Redacción - 13:50 25/10/2007
O alcalde en funcións, Rogelio Martínez

O alcalde en funcións, Rogelio Martínez

A pesar das irregularidades que se denunciaron o pasado 27 de maio por toda Galiza nas eleccións municipais, só unha mesa do Concello da Arnoia (Ourense) vai repetir os comicios este domingo. Nela votarán uns 357 habitantes da vila ourensá e outros 350 electores, ausentes do municipio. A oposición denuncia que o alcalde segue a facer campaña, cada noite, meténdose nas cociñas da vila, ante o medo a perder un concelleiro.

Nas municipais o PPdeG de Rogelio Martínez (actual alcalde en funcións, no cargo dende hai 28 anos), conseguiu sete concelleiros e o 66,98% dos votos. O PSdeG, de Jorge Rodríguez conseguiu un concelleiro, co 18,58 dos votos; e o BNG de Santiago Alberte conseguiu outro concelleiro, co 13,51% dos votos. Agora, co reconto desa mesa que falta por votar o PSdeG podería roubarlle ao PP un ou, se cadra, dous concelleiros, xa que quedou a só sete votos do segundo edil.

Impugnamento da mesa electoral
A mesa electoral que volve votar foi impugnada en maio pola Xunta Electoral Central, que ordenou a repetición das eleccións despois de que BNG e PSdeG denunciasen a existencia de irregularidades nas votacións.

Segundo lle contou a Vieiros o responsábel da agrupación socialista na Arnoia, Jorge Rodríguez, nas municipais de maio había "42 sobres afectados. Moitos deles non foran selados na orixe -tiñan selo de Barajas-, e outros estaban fóra de data". Daquela, segundo dixo Rodríguez, "falamos coa presidenta da mesa e alí estaba tamén o alcalde en funcións. Os dous decidiron incluír os sobres, e mesmo dicindo Martínez que calquera sobre chegado do exterior era válido". Daquela decidiron chamar un avogado que lles aconsellou denunciar o caso ao Censo Electoral Central, e iso fixeron, xunto co BNG.

O alcalde en funcións de Arnoia, que até daquela, e durante 16 anos, tamén fora vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, quedou sen o cargo de deputado até que se repetisen as eleccións. A Deputación de Baltar quedou constituída en xullo e Rogelio Martínez apelou ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza para poder facer parte da institución. O TSXG non lle deu a razón e agora o seu cargo ocúpao Enrique Nóvoa (candidato ás municipais do PPdeG na cidade de Ourense).

Ansias por recuperar o posto na Deputación de Baltar
"Vaille ser moi complicado botalo do seu sitio", díxolle a Vieiros Santiago Alberte, edil do BNG na Arnoia, referíndose ás ansias do alcalde en funcións da vila por recuperar o seu posto na Deputación, que agora ocupa Nóvoa.

Ao parecer, outra das denuncias que fai a oposición en Arnoia é que o alcalde en funcións só se preocupou, durante anos, de atender á institución provincial, deixando de lado o concello."Só se preocupa de ser voceiro da Deputación e deixa de lado cousas prioritarias para a vila, como a recuperación das ribeiras do Arnoia, que arruinaron as minas, ou a construción dunha nova ponte que nos comunique co mundo, porque case vivimos illados", dixo Jorge Martínez, e continuou, "parece que pasa o día na Deputación e vai aos plenos e ás comisións, el di que de oínte... quere ser alcalde, mais só para utilizar o posto como medio de acceso á Deputación".

Polo seu lado, Santiago Alberte considerou que Martínez "presume na vila de que segue tendo despacho na Deputación".

Facendo campaña de noite, polas cociñas
Outra das cousas das que PSdeG e BNG acusan ao alcalde en funcións do PPdeG é de facer campaña de cara á repetición das eleccións do domingo. "Está facendo campaña, andando polas cociñas todas as noites", dixo Alberte (BNG). "Leva moitos anos no poder e non é fácil perder aínda que só sexa un edil", comentou Rodríguez (PSdeG), "Anda coa xente maior, polas cociñas, facendo presión e pedindo mesmo o voto por correo para os que non poden ir votar o domingo. A xente tenlle pánico".

Polo seu lado, o alcalde en función, Rogelio Martínez tamén denunciou á oposición por estar a repetir campaña electoral. Segundo dixo os que están facendo campaña directa "na Arxentina e no Uruguai" son socialistas e nacionalistas, aos que tamén ten acusado de celebrar varios actos da Xunta na Arnoia nas últimas semanas. "Que casualidade!", ironizou o rexedor popular.

A vila dos balnearios e do pemento na comarca do Ribeiro
A Arnoia é unha vila situada ás dúas marxes do río que lle dá nome, e tamén a carón do Miño. A só catro quilómetros de Ribadavia, atópase un bocado illada por mor das vellas e malas comunicacións. É terra do viño e mais dos famosos pementos verdes e longos, cuxo cultivo está empequenecido (hai pouco que pechou a cooperativa que os producía) e ao que xa non se dedica a xente nova.

O traballo repártese entre as minas, o balneario e a hostalaría, e é pouca a xente que se dedica ao cultivo de pemento, patacas e outras hortalizas. Os arnoiaos tamén se dedican produción de flores, turismo rural, conservas de alimentos e tamén ao viño.

A poboación da Arnoia, a 1 de Xaneiro de 2005 (última cifra oficial do INE) era de 1.220 habitantes, distribuíndose en 585 homes e 635 mulleres. De entre eles e os moitos que están emigrados, 1.197 teñen idade para votar.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O mapa do concello, co río Arnoia divindíndoo en dous
O mapa do concello, co río Arnoia divindíndoo en dous
Martínez facendo campaña por Arxentina, reuníndose co dirixente da Municipalidade de General San Martín (distrito de Bos Aires)
Martínez facendo campaña por Arxentina, reuníndose co dirixente da Municipalidade de General San Martín (distrito de Bos Aires)
Unha imaxe de Baltar, gozando na famosa Festa do Pemento de Arnoia / Imaxen : La region
Unha imaxe de Baltar, gozando na famosa Festa do Pemento de Arnoia / Imaxen : La region
Unha imaxe do balneario de Arnoia, un dos focos de ingresos da vila
Unha imaxe do balneario de Arnoia, un dos focos de ingresos da vila
A situación de Arnoia no mapa de concellos de Galiza
A situación de Arnoia no mapa de concellos de Galiza
Unha imaxe do río Arnoia no seu paso por unha aldea do concello
Unha imaxe do río Arnoia no seu paso por unha aldea do concello