O plan de residuos que está a elaborar Medio Ambiente pretende desconxestionar as instalacións de Cerceda.
A Consellaría de Medio Ambiente considera que en dez anos pode lograr que só o 30% dos residuos xerados en Galiza acaben incinerados. Para iso, tal e como xa adiantaramos, apóstase pola autocompostaxe e pola creación de dúas novas plantas de tratamento nas provincias de Lugo e Ourense.
Na Xunta son conscientes da situación crítica que se vive nas instalacións cercedenses de Sogama en que se atopa desbordada pola gran cantidade de residuos que chegan cada ano. De feito, o conselleiro, Manuel Vázquez, recoñecía que o novo plan de residuos busca unha “ruptura radical” co anterior modelo. Un dos eixos primordiais do plan é lograr que se estabilice o volume de residuos. Para iso, preténdese que, a partir de 2010, quede fixado en 1,2 millóns de toneladas anuais. Logo a aposta pasa pola reciclaxe.
As instalacións de Cerceda seguirían incinerando aqueles residuos que non teñen ningún tipo de tratamento posíbel. Porén, quedarían excluidos materiais coma os plásticos que na actualidade tamén se están a incinerar. A loita principal pasaría por buscarlle unha saída a longo prazo ao macrovertedoiro da Areosa, ao que actualmente vai parar boa parte dos residuos que se xeran no país, sen ningún tipo de tratamento previo.
Dende Adega, Fins Eirexas subliñaba, aínda que con matices, que o plan de Medio Ambiente é a mellor solución posíbel para superar a “situación caótica” na que derivou o modelo Sogama. Porén, dende Adega cren que o número de plantas de compostaxe pode ser insuficiente e apostan por unha maior comarcalización das mesmas.