A Marcha Mundial das Mulleres convoca unha xornada de reflexión, con fundamentos regulamentaristas e abolicionistas, e propostas de diversas experiencias.
A primeira destas conferencias organizadas pola MMM, ás 10.00, deste sábado, no Café Moderno, achegará os argumentos a prol da regulamentación da prostitución da man de Nanina Santos, profesora, licenciada en Historia directora da Revista Galega de Pensamento Feminista Andaina, e a xornalista Carmen Briz, que traballa dende hai sete anos no colectivo Hetaira, e con anterioridade pasou cinco na comisión antiagresións do movemento feminista de Madrid.
Logo dun descanso, ás 12.30 chega a quenda das argumentacións abolicionistas, con Rosa Cobo, doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía, e doutora en Socioloxía pola Universidade da Coruña,e a avogada Rosario Carracedo, voceira da Plataforma de Asociacións de Mulleres pola Abolición da Prostitución. É tamén asesora do centro de acollida da Fundación Solidariedade Democrática.
E despois do xantar, á tarde dedicarase a propostas diversas na práctica: en primeiro lugar, as de carácter regulamentarista. Coñeceremos as achegas de Ana Lopes, antropóloga cuxa tese de doutoramento estuda os dereitos e a organización laboral das persoas que traballan na industria do sexo. Ela traballou durante catro anos como operadora de liñas eróticas, bailarina de striptease e modelo, e na actualidade está a crear unha organización de traballadoras da industria do sexo. É autora do libro Traballadores do sexo, unídevos.
Tamén a xornalista e traballadora sexual sueca Pye Jacobson, quen xa participou hai tres anos nun encontro organizado pola revista Andaina no Auditorio de Galicia, falará sobre o caso do seu país, onde se puxo en marcha unha política abolicionista, e como lle afectou. Ela e membro do colectivo ROSEA. Estaba prevista a asistencia da antropóloga Isabel Holgado Fernández, membro do LICIT (Liña de Investigación e Cooperación coas Inmigrantes Traballadoras Sexuais), pero finalmente non poderá participar por motivos persoais.
A última das sesións será para que as persoas que se manifestan a prol da abolición compartan a súa experiencia: Ana Míguez, presidenta de Alecrín, e Beatriz Sagrado, presidenta de AFESIP. Tamén estaba no programa Gunilla Ekberg, especialista en prostitución e tráfico de persoas e asesora do goberno sueco, mais finalmente non vai poder asistir.
"Aprofundizar no tema e enriquecérmonos"
Deste xeito, nunha mesma xornada, coñeceremos de primeira man os argumentos, pero tamén as experiencias reais na práctica. Como explica Pilar Álvarez, voceira da Marcha en Pontevedra, "ao sermos a MMM unha organización de organizacións, é lóxico que convivan todo tipo de posturas, abolicionistas e regulamentaristas. Pareceunos interesante e frutífero convocar unhas xornadas para profundizar no tema e enriquecérmonos". Tamén tiveron en conta que as dúas posturas non son pechadas, "sempre hai matices e diversidade de opinións, e tentamos que tivesen representación".
Unha evidencia á hora de elaborar o programa era contar con persoas que traballan na prostitución, sexa como traballadoras sexuais ou na asistencia social e outros eidos relacionados. "Pareceunos fundamental, de caixón, contar coas protagonistas. Algo que non adoitan facer os medios de comunicación... É como todo: se hai unha noticia sobre incencios, sairán políticos, ecoloxistas, sindicatos, etc. Pero se o tema ten que ver con violencia de xénero, sairán políticos, pero ningunha asociación feminista".
A idea é publicar os relatorios, aínda que non se sabe en que formato. "Queremos crear unha memoria do debate que haberá mañá. O punto de partida é moi diferente e é difícil chegar a acordos. Evidentemente, todas estamos en contra da prostitución forzosa ou do tráfico de persoas, pero despois hai teses distintas: se se considera un traballo ou non, se as mulleres son libres para decidir se queren dedicarse á prostitución... Pero o obxectivo é aprofundizar no tema e enriqeucérmonos mutuamente".