Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tirapuxa sobre a transferencia de competencias

Viraxe electoral, cinismo e promesas incumpridas

Cruce de acusacións, malia a aparente coincidencia dos tres grupos parlamentarios na necesidade de impulsar os traspasos competenciais.

Redacción - 09:00 16/10/2007

En febreiro de 2007, o vicepresidente da Xunta saía da reunión co daquela ministro de Administracións Públicas co compromiso "adquirido" para o traspaso a Galiza a curto prazo de até sete novas competencias. Pouco despois, o propio Anxo Quintana comparecía no Parlamento para explicar o detalle do plan e o guieiro de traballo para facelo efectivo. "Todos estivemos de acordo", recordou Quintana este luns en entrevista na Cadena Cope. No cartafol está ademais o documento que inclúe até 70 ámbitos competenciais onde o Goberno aspira a avanzar na negociación co executivo español antes de que remate a lexislatura.

Paradoxalmente, unha recente intervención do presidente español, José Luís Rodríguez Zapatero, indicaba unha paradoxal viraxe no calendario comprometido. "É un cambio de rumbo que ninguén acerta a explicar", laiouse Anxo Quintana. Segundo o vicepresidente, Galiza sofre "as consecuencias dunha situación da política estatal da que non somos culpábeis pero podemos ser pagáns". "O PSOE fala agora de España centralista onde falaba de España plural", queixouse.

Sobre o mesmo asunto, o presidente do PPdeG. Alberte Núñez Feijoo, aproveitou para acusar ao bipartito de sufrir neste tema as consecuencias de rifas internas. "Os nacionalistas bótanlle a culpa aos socialistas, e ao revés", afirmou. "Nós xa tiñamos sospeita de que o rexeitamento á aprobación dos traspasos era un boicot interno máis entre PSOE e BNG", asegurou, "outro resultado das rifas na Xunta". Feijoo subliñou que no mesmo período, Cataluña ou Andalucía conseguiron catro veces máis transferencias ca Galiza.

Pola súa parte, o voceiro parlamentario do PSdeG, Ismael Rego, atribuíulle a Feijoo ser "o único incapaz de facer algo por Galiza". "A súa única achega para o avance do autogoberno en Galiza foi o seu veto á reforma do Estatuto", reprochoulle. "A actitude do señor Feijoo fronte aos problemas de Galiza é feble e carente de argumentos", indicou Rego, "o cinismo do señor Feijoo por saír nos medios de comunicación sen nada novo que dicir evidencia a súa falla de compromiso con Galiza e cos galegos".


3/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: