O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, falará sobre o capitalismo na era global despois dunha mesa entre Margarita Ledo, Carlos Estévez e Manuel García Serrano.
Este martes 16 continúa o Simposio Internacional Pobre Mundo Rico, organizado polo CIP, coa súa terceira xornada en Vigo: o secretario xeral de Comunicación da Xunta, Fernando Salgado, ofrece a conferencia "As quenllas da globalización: neoliberalismo sen fronteiras?" ás 20.00 no Auditorio do Centro Social Caixanova. Na súa intervención, compara o capitalismo da era global cun cabalo desbocado que derruba muros proteccionistas e salta por riba de fronteiras nacionais outrora impermeábeis.
Para Salgado, o balance desta desaforada expansión acumulativa, presenta un crecemento económico sen precedentes, mais cómpre non perder de vista a outra cara da moeda deste fenómeno: a progresión xeométrica da desigualdade e da pobreza, e a voracidade sen taxa incompatíbel cos limitados recursos do planeta.
Tres horas antes, na mesa "Ver, oír e non calar", participarán o xornalista, guionista, director e realizador, Carlos Estévez; a cineasta, escritora e catedrática de Comunicación Audiovisual, Margarita Ledo, e o produtor e director de cinema, Manuel García Serrano. O primeiro falará de como os medios de comunicación están a crear sociedades desinformadas, insatisfeitas e agresivas. Da perda do poder político, de como o mundo financeiro abriu as súas portas aos cartos do crime, dos paraísos fiscais, e outros temas xa abordados pola Serie Documental emitida por La2 de TVE "Voces contra a Globalización, outro mundo é posíbel? ".
Pola súa banda, Manuel García Serrano, produtor e director de cinema, considera que o seu obxectivo como cineasta é contribuír a formar cidadáns máis críticos e reflexivos, polo que aposta por un cinema cuxo interesse apunte á busca de certas verdades en torno á conduta humana, desvinculado das estruturas dramáticas do cinema tradicional, un cinema que "espera" da realidade a que as cousas se revelen, renunciando ás obras "acabadas e perfectas" para así acceder máis libremente a eses momentos en que o mundo do visíbel desvela algo do interior do ser humano.
E Margarita Ledo analizará o enfoque que se lle dá aos temas relacionados coa pobreza. Neste sentido, avoga por desbotar os modelos tradicionais para expresar a existencia da pobreza e crear outros novos para mostrar mellor o que se quere ensinar: o imperio e o poder.