Os colectivos ecoloxistas cualifican de “positivo” o borrador co que traballa a Consellaría de Medio Ambiente.
A Consellaría de Medio Ambiente comezou a debullar os pasos para un novo Plan de Residuos Sólidos Urbanos. O conselleiro Manuel Vázquez entrevistouse este xoves con representantes de Adega, Verdegaia, Amigos da Terra e da Federación Ecoloxista Galega (FEG) para expoñerlles as liñas xerais da futura xestión de residuos. Segundo lles explicou, a Xunta quere apostar forte pola compostaxe para superar o actual modelo de Sogama. Logo de recoñecer o fracaso do sistema deseñado na década dos 90, a consellaría móstrase disposta a crear dous ou tres novas plantas de compost nas zonas de Lugo e Ourense, que se sumarían ás de Nostián (A Coruña), Lousame e O Morrazo.
Na actualidade, o denominado Complexo Medioambiental de Cerceda está desbordado. Até este municipio da Terra de Ordes chegan cada ano 900 mil toneladas de lixo procedentes de todo o país. As instalacións de Sogama só teñen capacidade para tratar 500 mil toneladas, as restantes estanse a depositar no macrovertedoiro da Areosa, que se atopa no mesmo concello. Agora a consellaría pretende que os residuos orgánicos se traten en plantas de compostaxe próximas ás seis zonas nas que quedaría dividido o territorio.
O enxeñeiro e biólogo Salvador Rueda Palenzuela, responsábel da Axencia Catalana de Residuos, é a persoa na que confiou a Xunta para deseñar as liñas xerais do plan. A elección é do agrado dos colectivos ecoloxistas, que recoñecen o traballo que avala a este experto.
Paula Lubián, de Verdegaia, explicoulle este venres a Vieiros que os plans iniciais da consellaría están a ser ben vistos polas asociacións ecoloxistas: “A pauta máis importante é que hai avances moi importantes para traballar na redución e na educación ambiental”. Afirmou que, polo de agora, o único que botan en falta é obxectivos concretos.
O conselleiro quere ter aprobado o novo plan en 2008
Manuel Vázquez díxolle aos ecoloxistas que a súa intención era ter aprobado o novo plan o vindeiro ano. A implantación plena do mesmo ten como horizonte o ano 2017. O novo modelo reduciría notabelmente a incineración de residuos. De feito, a consellaría cre que só sería preciso empregar este sistema co lixo que non ten ningunha posibilidade de tratamento alternativo. Porén, os ecoloxistas coidan que a longo prazo se debe tender a eliminación de calquera tipo de queima. “Nós coidamos que esa parte de residuos poden depositarse en vertedoiros pequenos nas súas propias zonas de orixe. Sería a solución menos mala das posíbeis”.
A consellaría quere abrir un debate social sobre a xestión de residuos. Ademais de continuar as entrevistas con ecoloxistas e empresas, está previsto que a vindeira semana poida consultarse xa o borrador na web de Medio Ambiente para que asociacións e particulares poidan achegar as súas suxerencias.