Serían xa máis de dous milleiros de detidos polo exército birmano, segundo as críticas da oposición, descoñecéndose o paradoiro da maioría deles.
A nova vaga de detencións incrementa a cifra de dous milleiros que a oposición en Myanmar manexaba antes da chegada do enviado especial das Nacións Unidas. Xa que logo, a marcha de Ibrahim Gambari do país semella coincidir co fin da tensa calma dos últimos días e reactivar a actividade represiva da xunta birmana.
O balance da visita de Gambari en representación da ONU semella rematar en fracaso, e nas últimas horas mesmo se informou da detención dunha empregada do organismo internacional. Agárdase que nos próximos días o enviado especial detalle publicamente, logo de informar ao secretario xeral da ONU, Ban Ki Moon, sobre o resultado das conversas. Mentres, desde a presidencia portuguesa da Unión Europea anunciábase este mércores que a UE decidiu que se aumentarán as sancións contra Myanmar en resposta á violenta represión exercida polo goberno.