Organizado polo Club Internacional de Prensa, bota a andar este 2 de outubro nas sete cidades galegas, e durará até o 31 de outubro.
Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, e José Luis Pego, director xeral de Caixanova, abrirán oficialmente o Simposio no Centro Social Caixanova de Vigo, xunto coa directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, o director da Obra Social Caixanova, Guillermo Brea, e a directora do CIP, Carmen Carballo.
A partir das 19.30, gozaremos da actuación do grupo de teatro na rúa recifense "Loucas de Pedra Lilás". O seu sketch, pensado para o Simposio, titúlase "Outro mundo é...", e xa comezará ás 13.30 na Rúa Príncipe.
Xa ás 20:00 horas, será nada menos que Carmelo García, director de IEPALA (Instituto de Estudos Políticos para América Latina e África), quen abra o programa de intervencións. Os países pobres, nacen ou fanse? é o título dunha conferencia que repasará a realidade actual do mundo, a pobreza como categoría moral e económica, e, en particular, a responsabilidade histórica dos poderosos e as causas estruturais.
Ademais de esclarecermos conceptos como Norte e Sur, primeiro, segundo e terceiro mundo, poderemos trazar os esquemas mundiais que rexen a economía dende o século pasado: a ONU, o proceso de descolonización, a realidade histórica destes procesos... Para rematar, reflexionaremos sobre a "vontade política" e sobre que podemos facer dende Galiza.
Carmelo García
É licenciado en Ciencias Económicas e Políticas, con especialidade en Economía do Desenvolvemento, e en Filosofía, especialista en Socioloxía do Coñecemento e da Relixión. A súa tese trata sobre educación popular, éticas públicas, e ética do desenvolvemento e Dereitos Humanos.
Dende o 52 milita na corrente de pensamento e acción "Economía e Humanismo", e seis anos despois botou a andar o IEPALA (Instituto de Estudos Políticos para América Latina e África). Diríxeo dende finais do 85, e actualmente preside a Fundación de IEPALA.
Participou en cursos, conferencias, congresos temáticos e especializados en eidos como a análise da realidade, a situación dos países de América Latina, África, Medio Oriente, Asia, ideoloxías e ciencias, epistemoloxías e teorías do coñecemento, análise política do feito relixioso, relacións internacionais, camiños da solidariedade para a superación de conflitos como Palestina, Leste-Oeste, Centro América (Nicaragua, El Salvador, Guatemala,...), África Austral e os seus pobos, a discriminación social e as súas formas, a cooperación internacional ao desenvolvemento...
Ademais creou e participou en diversos foros e plataformas de organizacións, e coordinou proxectos de desenvolvemento en todos os países de América Latina e unha boa parte de países africanos, en Palestina, en Filipinas e algunhas zonas de Asia... Todo o que sabe aprendeuno das persoas, colectivos e situacións do chamado Terceiro Mundo. Coñeceu e participou nos procesos de independencia e emancipación de case a totalidade dos países africanos, algún dos asiáticos, e nas loitas pola liberación dos pobos nos países latinoamericanos. Tamén en España e en Portugal.
IEPALA, máis de 50 anos de loita
A orixe de IEPALA remóntase a mediados do século XX: logo da II Guerra Mundial e do chamado proceso de reconstrución de Europa, o nacemento da Unión e o comezo das loitas pola independencia das colonias, un conxunto plural e interdisciplinar de homes e mulleres profesionais de diferentes prácticas e saberes humanos, técnicos, científicos sociais e activistas socio-políticos crea o Instituto, froito de dúas correntes de Pensamento e Acción: a europea, "Economía e Humanismo", xorde no 41 como resistencia e proposta crítica, non só ante os totalitarismos pre e postbélicos, senón ante o "patrón" económico dominante na reconstrución europea. A loita polas liberdades pasaba por pór as estruturas socioeconómicas ao servizo dos pobos, das comunidades humanas e das persoas...
E a de carácter mundial, o movemento intelectual, ético e político que alimentou o Terceiromundismo, nace na Conferencia de Bandung no 55 como alternativa aos sistemas imperantes no Primeiro e Segundo mundo. Apostan polo desenvolvemento autónomo dos pobos, "dende abaixo e dende dentro".
Así nace, en setembro do 55 en Montevideo, o Instituto de Estudos Políticos para América Latina, até a súa desaparición no 73. Entre os seus principios, figuraban o servizo aos pobos "dende abaixo e dende dentro", a independencia crítica ante o poder, non institucionalizárense e estaren prontos a desaparecer cando deixaran de ser útiles, a igualdade na retribución, valorando por igual o traballo intelectual e o manual, e mesmo a austeridade persoal e institucional na xestión e uso de bens e recursos.
No Estado español non existía un marco xurídico para legalizar asociacións daquela, pero cando foi posíbel, en decembro do 64, botou a andar o IEPALA. Publicaron unha Ética do Desenvolvemento e uns Léxicos de Política, Economía, Socioloxía, que abriron moitas portas nas mentalidades.
Co nome de IEPALA actúan hoxe unha Editorial, o Instituto Universitario, o Servizo de Información e Documentación, a Fundación, a Asociación, a ONG, o Centro de Formación Ocupacional, o Comercio Xusto, o Servizo de inmigrantes... E diversas plataformas e redes sociais que traballan en América Latina, Europa, Oriente Próximo ou África.