Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irlanda

Edición xestionada por María Golpe
RSS de Irlanda
A relixión e as aulas

Secularizacion da escola, a materia pendente do goberno irlandés

O 98% das escolas primarias irlandesas estan rexidas por autoridades relixiosas, principalmente pola Igrexa Católica.

María Golpe - 09:00 02/10/2007

Shillelagh, no condado de Wicklow, é unha vila de 278 habitantes. 100% rural, Shillelagh tén sen embargo, dúas escolas de educación primaria: unha para nenos protestantes, outra para católicos. Cada escola rexida pola respectiva institución relixiosa.

O 98% das escolas primarias irlandesas estan rexidas por autoridades relixiosas, pero principalmente a Igrexa Católica.

Esta semana, arredor de cen nenos non-católicos de Dublín non tiñan escolas ás que ir. Non hai suficientes escolas e, as que hai sendo principalmente católicas admiten nenos católicos preferentemente (e, se queda algún sitio libre, nenos doutras relixións).

As Nacións Unidas levan advertindo o goberno da república dende 2005 do perigo que dada a organización da educación primaria no país, corren os nenos doutras relixións (ou de familias desvinculadas de calquera actividade relixiosa) de seren discriminados á hora de accederen á educación primaria.

O goberno parece ter ignorado as recomendacións da ONU e a poboación irlandesa que non quere a igrexa involucrada na educación dos seus cativos así como tamén a poboación inmigrante, non necesariamente católica (ou protestante). O resultado desa ignorancia viuse esta semana nas escolas primarias de Dublín.

A educación primaria laica en Irlanda está limitada ás 41 escolas que Educate Together (educar xuntos), unha asociación con carácter de ONG, ten no pais para ofrecer unha alternativa a educación rexida pola igrexa.

Segundo o Bispo de Dublín, o 40% de nenos non-católicos (principalmente de comunidades inmigrantes) reciben actualmente educación primaria en escolas católicas. E temos que darlle a razón ao Bispo cando di que non acepta o criticismo dirixido a igrexa católica daqueles que non teñen escolas ás que mandar os seus fillos. Non terían que criticar un goberno que ten a educación primaria totalmente delegada nas mans das institucións relixiosas? E que non se ten preocupado até o de agora de crear escolas laicas non só xa para os ‘novos’ irlandeses que trae a emigración senón tamén eses irlandeses divididos en ‘protestantes ou católicos’ dende cativos incluso en lugares minúsculos coma Shillelagh?

A ministra de Educación, Mary Hanafin, di que o problema é repercusión de falta de plans e non de actitudes racistas, pero até o de agora no país, só houbo dúas opcións (con resultados tristes, divisorios e sectarios): ser protestante ou ser católico.

É hora de secularizar a escola primaria e o goberno irlandés ten esa materia pendente.


4,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: