Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Zapatero en Silleda

O mandatario español tacha de "ilegal" a consulta de Ibarretxe

Anunciou 2.000 millóns nos orzamentos estatais para Galiza, mentres que Núñez Feijoo se amosou escéptico das súas promesas.

Redacción - 16:45 30/09/2007

O presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, participou este domingo en Silleda na cuarta Festa do Campo organizada por Unións Agrarias. Na súa intervención, Zapatero tachou de "ilegal" a consulta que pretende convocar o 25 de outubro do vindeiro ano o lehendakari, Juan José Ibarretxe.

Segundo o líder socialista, tanto o parlamento como os votantes vascos diranlle de novo "non a este erro", se se "tenta chegar a el", pois o seu anuncio responde unicamente "ás necesidades electorais" do PNV.

No referente ao país, Rodríguez Zapatero anunciou que os Presupostos Xerais do Estado chegarán aos 2.000 millóns para Galiza e que se cumprirán os prazos para infraestruturas como o AVE ou as autovías. Deste xeito, respondeu á petición que lle acababa de facer o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.

Zapatero viu Galiza "viva e cargada de futuro" e salientou que, co cambio de goberno, "fixo que o futuro estea máis cerca e que os cidadáns teñan máis dereitos e os caciques menos privilexios".

Críticas de Feijoo
Pola súa banda, o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, aproveitou a súa intervención na convención de Novas Xeracións para criticar a presenza de Zapatero. Segundo Feijoo, o presidente do goberno español veu ao país "a prometer cifras que logo non executa".

Núñez Feijoo amosouse "preocupado" pola caída na taxa de actividade da mocidade galega dende o cambio de goberno. Tamén tivo palabras para o 25º aniversario do BNG, do que dixo que "aínda non foi quen de gañar unhas eleccións", fronte ao PP, que, segundo el, "é capaz de conectar coa maioría dos galegos".

Unha vez máis, Núñez Feijoo lembrou a negativa dos grupos no Goberno a constituír comisións de investigación sobre os incendios do verán de 2006 e sobre a adxudicación da autovía do Barbanza.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: