A área protexida convértese na cuarta do país en ser recoñecida pola súa variedade paisaxística e a súa diversidade.
Vista da ría de Ribadeo / Flickr: Flipao
A Unesco aprobou a declaración da área do Río Eo, Os Oscos e Terras de Burón como Reserva da Biosfera. É a primeira zona con esta distinción compartida entre dúas comunidades autónomas, neste caso Galiza e Asturias, polo que precisará da coordinación entre os dous gobernos.
O novo espazo protexido abrangue catorce concellos, sete galegos e sete asturianos, con case 33.000 habitantes e 160.000 hectáreas de extensión. A mesa do Consello Internacional de Coordinación do Programa sobre o Home e a Biosfera da Unesco tivo en conta o gran valor paisaxístico e ambiental do Río Eo, Os Oscos e Terras de Burón por conteren tanto paisaxes de media montaña como fluviais e marítimos.
Galiza xa contaba con outras tres reservas da Biosfera: Os Ancares e Terras do Miño, tamén na área luguesa, e Allariz, en Ourense. A partir de agora, deberase crear un consorcio, un comité técnico de seguimento e un consello reitor da reserva que deberán desenvolver un Plan de Acción de Desenvolvemento Sustentábel.
As reservas da Biosfera son áreas xeográficas representativas dos diferentes hábitats do planeta, tanto terrestres como marítimos, seleccionadas polo seu interese científico para a preservación da súa biodiversidade, ao tempo que se fomenta o seu desenvolvemento económico e humano. A Unesco aprobou este martes incluír 25 novas candidaturas na rede mundial de Reservas da Biosfera, entre elas a galego-asturiana.