Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Matías Rodríguez, de Iniciativa pola Memoria

“O franquismo ten impunidade legal”

Dende este mércores e até o sábado O Grove é centro de debate sobre as dificultades legais da investigación da represión franquista.

M. del Río - 10:45 19/09/2007
Matías Rodríguez da Torre

Matías Rodríguez da Torre

Matías Rodríguez da Torre é membro da Iniciativa Galega pola Memoria, unha das entidades que organizan as xornadas A represión franquista en Galiza. O dereito a saber, a liberdade de investigar. Do 19 ao 22 de setembro, no cine O Mariño do Grove, debaterase sobre a recuperación da memoria histórica e as dificultades que aínda sofren moitos investigadores á hora de sacar á luz os actos de represión que se cometeron durante o franquismo. As xornadas contan co apoio económico da Consellaría de Cultura.

Vieiros: Vostede participa o mércores na presentación do documental O barco da memoria. Que balance fai daquela experiencia?

Matías Rodríguez da Torre: Encargueime da coordinación do Barco da Memoria durante o seu itinerario de 52 días por 18 portos do país. Pretendeu ser unha actividade en que os colectivos de base de recuperación da memoria histórica puidesen divulgar e dar a coñecer a represión franquista nas súas localidades. Era o seu obxectivo: que se divulgase conforme ás necesidades de cada lugar. Partimos de Cambados até o Golfo Ártabro para finalizar en Vilagarcía. Foi unha actividade en que se logrou popularizar a memoria, porque no propio barco, o Hidria II, levabamos a bordo a exposición 'Os mártires do mar' de Dionisio Pereira, e tamén se podían desenvolver múltiples actos. Entre o barco e todas as actividades houbo 35.000 visitantes e 112 actos. Participaron unhas cincuenta asociacións de base, que non só tiñan relación coa recuperación da memoria, pois houbo mesmo asociacións culturais de todo tipo, das que formaron parte unhas 300 persoas en total. Foi, quizais, a actividade cultural desenvolvida polo Goberno que máis contou cos colectivos de base e que tivo máis conexión tanto en organización como en resposta dos participantes. No barco entrou todo tipo de xente.

V: E cal foi o resultado do documental?

M. R. T.: O documental preséntase por primeira vez no Grove. Producido por Saga TV e a TVG, até agora tivo unhas emisións na televisión e algunha outra proxección en eventos organizados por algún colectivo. Non se puido visionar até agora na vila. Aproveitamos que o barco tivo unha relevancia especial no Grove, con máis de 3.000 visitantes, e tamén que o Hidria II está agora asentado na vila. Ademais de ofrecernos un roteiro polo percorrido do barco, presenta documentos dos protagonistas represaliados directos.

V: O acto subtitúlase O dereito a saber, a liberdade de investigar. Van amosar os atrancos que aínda existen para o estudo da historia hoxe en día?

M. R. T.: As xornadas van ter unha previa o día 19, coa presenza de Francisco Carballo. El vai abrir os actos por ter sido o primeiro censurado, ao publicar en 1978 unha Historia de Galiza, aínda que despois ao final a obra puido saír adiante. Falará das dificultades que houbo na Transición. O día 20 será a rigorosa estrea do documental O Novo Endem, que fala de persoas do Grove que tiveron que fuxir da represión fascista e acabaron no Caribe empregando unha embarcación de baixura. E o venres 21 de setembro sería a previa da xornada de reflexión e debate, coa proxección doutros dous documentais: A derradeira lección do mestre, de Xoán Carlos Garrido, e Sumaríssim, de Dolors Genovès.

A xornada do sábado leva o título de 'Enfiando a verdade', e estará centrada nos atrancos que teñen hoxe en día os estudosos para investigaren a recuperación da memoria. Aínda hoxe os hai, malia que a Administración civil está a dar algunhas facilidades, a militar sempre obstaculizou máis o traballo. O problema é a falta de liberdade de expresión na que se están a ver algúns historiadores á hora de expoñeren as súas ideas. Son demandados por particulares, que se escudan no dereito á honra dos seus antepasados, que foron represores. Dános pé a falar da impunidade legal que segue a ter o franquismo no estado español, algo impensábel para a Alemaña nazi ou a Italia fascista, réximes deslexitimados. En España, aínda que hai persoas que queren mostrar a verdade da historia de hai 70 anos, vense con trabas simplemente porque a xustiza dá pé a que se presenten demandas.

V: Que casos se van presentar o sábado?

M. R. T.: Comezaremos cunha introdución institucional, coa presenza de Luís Bará, director xeral de Creación e Difusión Cultural, polo feito de que a A Consellaría de Cultura foi pioneira en apoiar a investigación da Memoria Histórica no noso país. Despois, a primeira táboa tratará a liberdade na investigación científica. Estarán, entre outros, Lourenzo Fernández Prieto, coordinador do proxecto 'As vítimas, os nomes, as voces, os lugares', das tres universidades, e o historiador Francisco Espinosa, da Universidade de Sevilla.

Despois falarase da impunidade do franquismo que permite a Lei de Enxuizamento Civil e o feito de que moitos historiadores están a ser procesados e acusados de delito penal. Estarán José Manuel Paredes Castañón, catedrático de Dereito Penal da Universidade do País Vasco; Alberto Estévez, de Amnistía Internacional de Vigo, e o xuíz de primeira instancia de Cambados, Juan Carlos Carballal Paradela, que pediu participar como protagonista dalgúns casos de censura.

A tarde abrirase con varios casos de demandas no estado español: Dolors Genovès, encausada por Sumaríssim e que foi absolta por ser simple transmisora dunha historia. Tamén estará Marta Capín, que vai ser xulgada esta mesma semana; Santiago Macías, que perdeu hai quince días un xuízo, e Alfredo Grimaldos, escritor crítico coa transición e demandado pola familia Rosón.

Logo falarase da represión galega que 'nunca existiu'. Lembrarase o recente caso de Dionisio Pereira, que xa saltou hai uns meses ás páxinas dos xornais pola demanda da familia do ex-alcalde franquista de Cerdedo; Alfredo González Ruibal, compañeiro de Pereira na asociación Verbo Xido, que tamén foi denunciado por subir as investigacións á web da universidade americana en que traballa; Fabien Garrido, fillo de Ramón Garrido, do Grove, primeira persoa que viu censurada a súa web, e María Victoria Rodríguez falará dos problemas que sufriu ao investigar a sección feminina de Ponteareas.

Finalmente, Isaac Díaz Pardo, como memoria viva, protagonizará o acto de encerramento. Leranse as conclusións e presentarase un documento crítico ao proxecto de Lei da Memoria Histórica estatal, con once puntos básicos que consideramos irrenunciábeis.


Ligazóns

4,4/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: