Soben os pequenos partidos de esquerda, e a extrema dereita entra por vez primeira no parlamento. Os socialistas do PASOK son os grandes perdedores.
O primeiro ministro grego, Costas Karamanlis, este domingo
O primeiro ministro grego, o conservador Costas Karamanlis, impúxose este domingo nas eleccións lexislativas ao socialista Giorgos Papandreu, cunha folgada maioría (42,19% dos votos) que lle permitirá gobernar en solitario. Porén, Nova Democracia (ND) conseguiu 12 escanos menos (153 de 300), malia que Karamanlis adiantou os comicios coa intención de fortalecer o seu apoio parlamentario.
Os lumes de hai dúas semanas, tras a convocatoria destas eleccións anticipadas, prolongáronse durante dez días consecutivos, causando máis de sesenta mortos, miles de damnificados, a devastación de 200.000 hectáreas de bosques e a erosión da popularidade do primeiro ministro.
Afrontará agora unha oposición radicalizada: o voto de protesta da poboación foi acaparado polas pequenas formacións da esquerda, á vez que a extrema dereita conseguiu entrar por vez primeira no parlamento ateniense.
Co 7,95% dos votos, o Partido Comunista de Grecia (KKE) aumentou a súa presenza de 12 a 21 escanos, a Coalición de Esquerda Radical (SYRIZA) aumentou a 13 os seis que tiña co 4,92%, e a extrema dereita nacionalista Alerta Ortodoxa Popular (LAOS) estréase na Cámara con dez escanos e o 3,71%. O grande perdedor deste domingo foi Movemento Socialista Panhelénico (PASOK) de Giorgos Papandreu, que cun 38,23% dos votos obtén 103 escanos, fronte aos 117 que tiña.
Fronte a multitude que o aclamaba, Caramanlis interpretou o apoio obtido como "un claro mandato para continuar cos cambios que necesita o país, para un progreso máis rápido e decisivo".