Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barbanza

Edición xestionada por Adolfo Muíños
RSS de Barbanza
MENTRES O PP SE ESFORZA EN SINALAR IRREGULARIDADES

Pecha 'sine die' ao tráfico a Vía do Barbanza para os traballos de conversión en autovía

O martes comezará un auténtico calvario para os condutores e, sobre todo, para os veciños das poboacións que viven a carón da comarcal AC-305.

A. Muiños - 08:54 17/09/2007
Tags:

As obras de conversión en autovía da estrada de alta capacidade do Barbanza desviarán até 10.000 vehículos por unha comarcal que ficou convertida nunha auténtica travesía urbana que comunica a oitenta mil persoas de seis concellos. A Xunta, a través da Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes (CPTOPT) non deu unha data de finalización do desvío, polo que se esperan meses de problemas circulatorios até o remate das obras previsto a fins de 2008. Mentres, o Partido Popular tenta sementar dúbidas sobre o proceso de adxudicación desta obra ligando á Conselleira coa empresa que se encargou dun informe que avaliou un incremento de trinta millóns de euros na proposta gañadora do concurso, Itinere Infraestructuras, S. A. (do grupo Sacyr Vallehermoso), e Corporación Caixa Galicia S. A.

En todo caso a argumentación do PP no que atinxe esta estrada resulta cando menos arriscada. Móvense os populares no gume da navalla por canto eles son os responsábeis durante o seu mandato en que esta estrada nacese eivada desde a orixe, colapsada polo intenso tráfico ao pouco tempo de se inaugurar e o que é pior, cunha altísima sinistralidade nun trazado sinuoso, especialmente na alternativa tomada nas chamadas curvas de Vilas en Rianxo, onde se teñen producido boa parte dos acidentes mortais, como ben saben as familias afectadas.

Tamén resulta arriscada a campaña do PP por canto a empresa Sacyr Vallehermoso se dalgo tamén se beneficiou foi da regalía da privatización polo governo Aznar e da ampliación da concesión da Autoestrada do Atlántico vintecinco anos máis (2023-2048). Esta autoestrada estimase estaría amortizada xa no 2023 e xera constantes beneficios para a empresa a costa dunhas peaxes que, de non mediar a privatización, poderían ser substancialmente rebaixadas para todos os galegos e galegas. Que agora o PP acuse á Conselleira Caride de beneficiar á mesma empresa beneficiada por Aznar pola privatización non deixa de ser sorprendente. Mais xa se sabe, estamos instalados na política do todo vale.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: