Tras asinar unha carta-compromiso co goberno, os líderes indíxenas volveron recuperar os asentamentos tradicionais para o seu pobo.
Os líderes da Terra Indíxena Raposa Serra do Sol, do estado de Roraima, asinaron en Brasilia co goberno federal unha carta-compromiso co obxectivo de ordenar o proceso de desocupación da terra polos non-indios.
De acordo co documento asinado, os indios comprométense a evitar enfrontamentos e a manter relacións de respeito mutuo, mentres que o goberno debe asumir, coa participación dos indíxenas, unha acción coordinada e sistemática para protexer os dereitos dos pobos que alí residen.
"Esta carta-compromiso representa un gran respecto e unión dos pobos indíxenas e o fortalecemento das relacións co goberno federal", afirmou Dionito José de Souza, coordinador xeral do Conselho Indigenista de Roraima (CIR).
A terra Raposa Serra do Sol
Esta terra foi recoñecida en 2005 por Lula da Silva. A terra, de 1,74 millóns de hectáreas -o equivalente a dous terzos do territorio de Sergipe-, acolle aproximadamente 18.000 indios. O proceso de reasentamento dos non-indios comezou o ano pasado.
O Instituto Nacional de Colonização e Reforma Agrária (Incra) destinou 31,3 mil hectáreas de terras públicas da União para atender ás persoas que había que realoxar. Moitos deles, grandes facendeiros, amosaron abonda resistencia a saíren das terras.