Compostela acolle a última semana deste mes o 'I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia'.
Importantes expertos ambientais xuntaranse a finais de mes en Compostela
Destacados expertos en educación ambiental daranse cita do 24 ao 29 de setembro na Facultade de Filoloxía de Compostela no 'I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia', organizado polo CEIDA, a UDC e a USC.
O encontro, aberta a calquera interesado no tema, pretende analizar as principais ameazas ambientais existentes e estabelecer cal son as áreas onde cómpre traballar dende a Educación Ambiental, como ferramenta básica para tratar de solucionar ou paliar estes problemas.
Ademais, o congreso quere servir como punto de encontro das diversas experiencias en Educación Ambiental existentes nos países cunha mesma identidade lingüística e cultural, compartir coñecementos, aprender novos métodos de traballo e trazar liñas de cooperación.
Con este fin, debaterase sobre a contribución da educación na construción de valores, bases culturais e bases políticas na promoción de sociedades sustentábeis.
Importante presenza asociativa e institucional
Está prevista a participación de distintas autoridades ambientais e educativas, membros do mundo da cultura e das artes, científicos, líderes sociais e membros de movementos asociativos de Galiza, Angola, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Moçambique, São Tomé e Príncipe, Timor-Leste, Brasil e Portugal.
Cómpre salientar a presenza de Marina Silva (ministra do Meio Ambiente do Brasil), de Madalena Neves (ministra do Meio Ambiente en Cabo Verde), de Luciano de Castro (ministro de Coordenação da Acção Ambiental de Moçambique) ou de Soares Sambú (ministro de Recursos Naturais e Ambiente Guiné-Bissau), entre outros profesionais.
Os eixos temáticos serán os principais desafíos ambientais, identificados no cambio climático xa que, ademais de ser o problema ambiental global máis relevante, afectará significativamente aos países lusófonos, todos eles con moitos quilómetros de litoral.