Unha galería virtual dá a coñecer a obra de novos autores a prezos accesíbeis para todos os públicos.
Martínez e Garrido, creadores de United Fiction
Dous mozos coruñeses, Jorge Martínez e Javier Garrido, son os creadores de Unitedfiction.com, unha web que pretende facilitar a difusión comercial da fotografía e a ilustración a todos os públicos. A páxina ten unha estrutura semellante á dunha galería de arte onde se poden adquirir obras orixinais en series limitadas dende 70 euros.
As web inicia a súa andaina coa selección do traballo de sete fotógrafos e sete ilustradores, entre eles David Pintor, Lola Lorente, Alberto Vázquez, David Rubín e Esther Gili. A venda é exclusivamente en liña e envíanse a obra e a sinatura do artista por separado.
A iniciativa de Unitedfiction.com facilita, deste xeito, iniciarse no mundo do coleccionismo do arte dun xeito accesíbel para un público máis amplo. A pretensión da empresa é converterse nunha plataforma de difusión de traballo de novos creadores gráficos, que poderán expoñer as súas obras na galería virtual. Tamén se editará periodicamente un catálogo impreso. A web preséntase en galego, castelán, inglés, francés e alemán e darase a coñecer en todo o mundo, tanto en Europa como nos Estados Unidos, Xapón, China e India.