O Globo revela nunha serie de reportaxes como o tráfico de drogas, as milicias e a policía impoñen un réxime de terror nas favelas de Rio de Janeiro.
Nos últimos 14 anos o Serviço de Descoberta de Paradeiros da Delegacia de Homicídios contabilizou a desaparición nas favelas do Rio de Janeiro de 10.464 persoas sen deixar rastro, vítimas nun 70% dos traficantes de drogas, da policía e das milicias paramilitares, un número 54 veces maior que o dos desaparecidos durante os 21 anos da ditadura militar, que foron 136.
Os datos foron revelados na edición deste domingo do xornal O Globo dentro dunha serie de reportaxes titulada Os brasileiros que ainda vivem na ditadura, que aborda como preto de 1,5 millóns de habitantes das 630 favelas do Rio de Janeiro seguen sen saber o que é vivir en democracia, debido a continua "violación dos dereitos fundamentais por grupos armados do tráfico ou da milícia", ou ao "desrespeito por parte de uma polícia despreparada e, muitas vezes, bandida", segundo denuncia o rotativo.
Torturas
Miles de familias das comunidades das favelas levan anos reclamando algunha noticia sobre o paradoiro dos seus familiares desaparecidos, xeralmente novos, os cal non só foron sacrificados e enterrados en paradoiros descoñecidos para evitar posibles problemas coa xustiza, senón que antes de matalos e esconder os seus corpos, son barbaramente torturados, segundo confesións dalgúns dos narcotraficantes detidos pola policía.
José Gregori, ex ministro de Xustiza e actual presidente da Comisión de Dereitos Humanos do estado de São Paulo, afirma que a desaparición dos corpos das vítimas do tráfico de drogas é unha consecuencia da violencia vixente nas favelas: "O narcotráfico impón o seu código de leis marciais". Nas favelas, afirma Claudio Pereira, especialista en dereito constitucional, "os dereitos que forman parte da tradición democrática occidental non son observados".