Falamos con Martín Silva Reiriz, un dos deportistas do Programa de Tecnificación de Loita, que viven e adestran no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, en Pontevedra.
No CGTD fórmanse os deportistas de elite de Galiza. Entran con 14 ou 15 anos e alí estudan e adestran, cun rigoroso horario e un control deportivo e académico exhaustivo. Para permanecer no CGTD de Pontevedra deben cumprir varios obxectivos, tanto a nivel deportivo como académico.
En Vieiros falamos con Martín Silva, estando el xusto na fileira para se matricular na Universidade de Santiago. Martín chegou aos 18 anos cumprindo todos os obxectivos marcados pola política do CGTD, mesmo foi alén diso, acadando unha media de matrícula de honra no Bacharelato, e aprobando as Probas de Acceso á Universidade con un 8,57 de nota media, o que lle dá para entrar en calquera carreira, mais el escolleu Medicina. Ademais, no tempo que estivo no CGTD Martín foi varias veces campión de Galiza, é a actual campión do estado de Loita Júnior e foi varias veces internacional.
Velaquí o que nos contou:
Cando comezou coa loita?
Souben que existía a loita a través dun amigo, hai uns catro anos. Daquela el adestraba nun ximnasio de Vigo, -o Castro-, e comecei a acompañalo. Despois abriron o ximnasio Santa Uxía, en Ribeira, de onde eu son, e onde adestro agora.
Cando entrou no CGTD?
Hai tamén catro anos e até agora, que xa saio.
Como é a vida no Centro?
É moi dura... durísima, pero divertida. Levantabamonos ás 8 horas da mañá e iamos a clase -hai aulas dentro do propio centro- até as 10:15 horas. De 10:15 a 12:30 horas adestrabamos. Despois de novo ás aulas até as 15:00 horas. Entón saiamos a comer e volviamos a adestrar de 16:00 a 18:00 horas.
Isto de segunda a sexta feira, mais, era distinto na fin de semana?
As sextas feiras e os sábados pola tarde eu adestraba -e adestro- en Ribeira, no ximnasio.
Entón, tiñan tempo para vostedes? Algún horario para saír do centro?
Tiñamos dúas horas diarias para facer o que quixeramos, fóra do centro. Pero ás 20:30 horas había que estar de volta para cear.
E agora que marcha, cre que vai botar de menos o rigoroso horario do centro?
Eu creo que vou botar de menos todo o do centro; moitísimo. Digo que era moi duro, pero vouno estrañar, porque o pasabamos moi ben todos xuntos.
Cantos deportistas eran no Programa de Tecnificación de Loita?
Uns 15, de idades comprendidas entre os 15 e os 18 anos.
E vostede cumpriu todos os obxectivos, académicos e deportivos nos anos que estivo no CGTD?
Si. No CGTD fan avaliacións anuais dos seus deportistas, tanto deportivas e académicas como de actitude. Se non cumpres os obxectivos, non podes permanecer no centro. É duro, pero se adestras en serio e estudas o necesario, podes conseguilo. Os adestradores apóiante no ximnasio, e os profesores nas aulas. É como un instituto, con grandes pistas, ximnasios, canchas, campos... nos que adestrar. É difícil, pero pásalo moi ben, e aprendes moito.
Resultoulle doado compaxinar os estudos co deporte de elite?
A min custoume bastante. Este ano foi bastante difícil, coas PAU todo o tempo á volta da esquina. Mais os profesores e os adestradores foron moi comprensivos, e axudáronme moito.
E agora que pensa facer?
Xa me matriculei na Facultade de Medicina en Santiago de Compostela, e para o ano teño que estudar duro, mais sen deixar de adestrar. Terei que procurar un bo ximnasio en Compostela para poder adestrar aquí, e continuar coa loita, que non penso deixar.