Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Modificacións na enciclopedia libre

A CIA e o Vaticano remexen na Wikipedia e alteran artigos

Desde computadores da axencia de espionaxe estadounidense cambiáronse entradas sobre Irán. Desde o Vaticano alteraron datos sobre Gerry Adams.

Redacción - 12:00 16/08/2007

O Wikipedia Scanner é un novo instrumento desenvolvido pola enciclopedia libre que permite saber con exactitude cal é o enderezo IP do computador desde o que se realizou unha determinada modificación na base de datos do proxecto.

A través desta ferramenta atopáronse algunhas paradoxais sorpresas que dan conta do interese desde algúns centros de poder pola forma en que se ofrecen os contidos dalgúns artigos da Wikipedia. Así por exemplo, e segundo explica a BBC esta semana, desde un computador na sede da CIA, a axencia estadounidense de espionaxe, realizáronse cambios nas biografías dun ex xefe da propia axencia, na do actual presidente iraní, Mahmud Ahmadinejad, ou mesmo de Oprah Winfrey, coñecida presentadora de televisión dos EUA. Tamén da entrada sobre Gerry Adams, líder do Sinn Fein, foron borrados datos referentes á súa presunta implicación nun delito hai trinta anos, modificacións que ao parecer se fixeron desde o Vaticano.

Outras peculiaridades son por exemplo a introdución de adxectivos pouco agradábeis sobre un senador republicano, realizados desde un computador dunha sede do Partido Demócrata. Doutra banda tamén se encontro que desde un computador da empresa Diebold, responsábel das máquinas electrónicas de voto das polémicas eleccións presidenciais de 2000 nos Estados Unidos, borrouse parte do artigo sobre o propio xefe da empresa, Walden O'Dell. O parágrafo revelaba que o individuo en cuestión tivera responsabilidades na recadación de fondos para a campaña de Bush.

Máis no artigo da BBC: A Wikipedia amosa edicións de páxinas da CIA


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: