Unha avalancha de irregularidades salpican ao alcalde, aos concelleiros e a varios funcionarios. Non se coñece o destino de subvencións da Deputación de Ourense e da Xunta.
Contratación de traballadores “a dedo” e cobro fraudulento de dietas. Estas son algunhas das numerosas e graves irregularidades que o Consello de Contas de Galicia detectou no Concello de Montederramo (Ourense) en 2003 e 2004. Nun demoledor informe publicado agora, o órgano fiscalizador revela as prácticas do alcalde popular Antonio Rodríguez quen, malia ser inhabilitado e condenado a cárcere por falsidade documental na pasada lexislatura, volveu a gañar as últimas eleccións locais.
Dietas para todos
Rodríguez cobrou máis de 7.000 euros en dietas, dos que só 3.600 foron xustificados. Pero o cobro irregular de suplementos non só afecta ao mandatario, senón que salpica a outros cargos electos e funcionarios.
Así, o Consello de Contas descubre a “percepción indebida polo alcalde, o primeiro tenente de alcalde, a secretaria e a administrativa de indemnizacións pola a asistencia a Mesas de Contratación” . O documento tamén di que a concelleira de Cultura cobrou dietas sen declarar o IRPF.
As irregularidades chegan ao punto que o Concello carece do obrigatorio Rexistro de Persoal. Malia a opacidade da documentación municipal, o órgano fiscalizador da Xunta foi quen de detectar a contratación de catro traballadores “sen que se teña verificado a celebración de procedemento de selección algún”. Ademais, a administración repartiu complementos entre os funcionarios por riba dos límites legais, indica o informe.
Sospeitas sobre a residencia de anciáns
Tampouco se libra a construción da Residencia da Terceira Idade de Montederramo. Unha mesma empresa, Construcciones Orega, gañou cinco concursos desta obra tramitados por vía de urxencia, algo que carecía de xustificación en opinión do Consello de Contas.
A maioría dos cartos procedían de subvencións da Deputación de Ourense e da Consellería de Asuntos Sociais, pero o Concello non foi quen de demostrarlle ao Consello de Contas “o adecuado destino das axudas concedidas”.
A ausencia de criterio para distribuír subvencións, a non celebración do número mínimo de plenos que marca a lei, a concesión ilegal de licencias de obra e unha contabilidade que non reflicte a realidade das contas do Municipio son outras das denuncias do ente fiscalizador.
O Concello non presenta alegacións
Ante tal avalancha de problemas, o Consello recomenda á entidade local que solicite a asesoría da Deputación de Ourense para corrixir os “incumprimentos básicos” revelados no informe.
O informe conclúe sinalando que, malia ter dereito a formular alegacións, a administración que dirixe Antonio Rodríguez non presentou ningunha emenda.