Con todo, a porcentaxe é menor cá media estatal. Cruzando datos do INE e do IRPF, ao fisco sáelle que a Costa da Morte é a zona con máis alugueiros ilegais.
Aproveitando as datas, o Ministerio de Economía e Facenda advirte da elevada porcentaxe de alugueiros ilegais que está detectando nas áreas costeiras. No caso de Galiza, Facenda atopou, peneirando datos de 2004, que un total de 24.851 alugueiros da Costa da Morte non están regularizados, fronte a 45.826 que si foron declarados. No caso das Rías Altas, son 4.713 vivendas sen declarar fronte a 8.690 declaradas. E polo que lle toca ás Rías Baixas, a cifra chega a 16.285 alugueiros pagados en negro fronte a 30.030 polo legal.
Xa que logo, os técnicos de Facenda atoparon que os alugueiros ilegais no litoral suman até o 54,23% do total en Galiza, fronte a unha media estatal dun 66% de acordos de alugueiro irregulares. En total, 45.849 pagamentos en negro fronte a 84.546 vivendas arrendadas polo legal e declaradas no IRPF. No conxunto do Estado e en áreas costeiras son 650 mil os alugueiros ocultos, fronte a 987 mil legais. Con 521 millóns de euros anuais estimados, Cataluña lidera a clasificación en canto a rendas non declaradas en zona de costa.