Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Despois de que os seus colegas de Compostela quixeran vetar a Muguruza

O PP ferrolán pide que se retire a Banda Bassotti do cartel por "apoloxía do terrorismo"

Os populares fixeron o seu pedimento secundando unha proposta da Asociación de Vítimas do Terrorismo. O grupo italiano actúa o sábado nas festas ferrolás.

Redacción - 17:43 06/08/2007
Capa do cedé 'Así es mi vida'

Capa do cedé 'Así es mi vida'

O grupo do Partido Popular no Concello de Ferrol solicitoulle ao alcalde, Vicente Irisarri, a través dun escrito presentado no Rexistro Municipal, a retirada do concerto que o grupo italiano Banda Bassotti vai dar o sábado na cidade, por considerar que os seus temas supoñen unha "posíbel apoloxía do terrorismo", querendo, segundo din, evitar que o concello financie "cos cartos de todos os ferroláns, a grupos que apoian a determinados colectivos, pouco ou nada comprometidos coa democracia".

Os populares aínda lle recriminan a Iolanda Díaz, concelleira de Cultura en Ferrol, terlle feito un oco á banda italiana no programa das festas, xa que para eles Banda Bassotti é "un grupo que defende a loita armada e que chega a xustificar a existencia dunha banda terrorista como ETA".

Acusan á Iolanda Díaz de "politizar as festas"

No seu comunicado, feito público na mañá da segunda feira, os populares de Ferrol tamén falan dun tento por parte da concelleira de Cultura de querer "politizar as festas", vinculando a celebración do concerto "ao movemento comunista ao que pertence Iolanda Díaz", á que chaman extremista, pedíndolle unha rectificación pública e un cambio no programa elaborado.

Referíndose á visita que Díaz fixo a Mugardos

Tamén, nesta listaxe de ataques contra a concelleira, o grupo liderado por Juan Juncal, denuncia que a líder de Esquerda Unida quere empregar as festas para "promocionar a súa causa" contra Reganosa. Díaz foi visitar hai uns días, acompañada dos cantautores João Afonso e Luis Pastor, os veciños que están a protestar en Mugardos contra o Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa, e logo estes deron un concerto na Praza de Armas ferrolá, algo que o PP ve como unha estratexia política.

Todo foi por unha canción...
A titulada Yup La La, en éuscaro, que os italianos incluían no seu cedé Así es mi vida (2003). A AVT fíxolla chegar tamén ao goberno municipal de Ferrol. Aquí podedes vela.

Velaquí deixamos un vídeo dos de Banda Bassotti, tocado no Festival Linguas Vivas, aquel que saltara á actualidade o mes pasado porque o PP compostelán tamén quería vetar a Fermín Muguruza, outro dos atractivos do cartel deste festival, incluído polo Concello de Santiago de Compostela no programa das Festas do Apóstolo. Finalmente Muguruza actuou, mais non dentro do programa das festas.


Ligazóns

5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: