É o segundo ano que Carlos Callón, como presidente da Fundación, e Néstor Rego, concelleiro de Cultura en Compostela, asinan un convenio co fin de darlle pulo ao achegamento e o diálogo entre os países do sistema lingüístico galego - portugués.
Como salientou o concelleiro de Cultura, "a lusofonía é un ámbito privilexiado para Compostela, tanto para o intercambio cultural como o económico". Néstor Rego lembrou como hai pouco, Compostela presidiu as cidades do Eixo Atlántico (Galiza co Norte de Portugal), e produciuse o irmandamento entre a capital galega e a cidade alentejana de Santiago de Cacém.
Agora, unha serie de actividades organizadas pola Fundación Vía Galego, co apoio da Concellaría, camiñarán nesa dirección de achegamento á lusofonía. O territorio escolleito para esta ocasión é Cabo Verde: un congreso e un intercambio teatral axudarannos a estabelecermos pontes co arquipélago africano.
Ademais, editarase unha unidade didáctica sobre lingua e cultura portuguesa, haberá unhas xornadas sobre literatura e música lusófonas nos institutos composteláns, e unha serie de conferencias en torno a dous eixos temáticos: "Compostela e Braga, dúas capitais culturais do reino de Galicia", e "A cultura galega abre as portas á lusofonía".
Centro de recursos e homenaxe ao Zeca
A Fundación xestionará o arquivo da Mesa pola Normalización Lingüística e continuará coa adquisición de material para constituír o centro de recursos da lusofonía. Tamén haberá un acto de conmemoración do vixésimo cabodano de José Afonso, o "Zeca", sempre fondamente ligado á cidade: como lembrou Néstor Rego, a primeira vez que se interpretou Grândola, vila morena, que logo sería "un himno non só da lusofonía, senón internacional", foi o 10 de maio de 1972.
Pola súa banda, Carlos Callón agradeceu o apoio institucional: "son colaboracións moi proveitosas para fomentar o diálogo. Os galegos e galegas perderiamos unha das nosas potencialidades de non aproveitarmos as posibilidades comunicativas con países dos cinco continentes". As xornadas e diversas actividades serán presentadas máis polo miúdo á volta do verán.