O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, presentaron a Lei Galega para a Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero.
Será aprobada este martes nun pleno extraordinario. Entre outras novidades, permitirá á propia Xunta exercer como acusación particular en casos de violencia machista. Ademais haberá cláusulas de protección económica para as vítimas que garantan a súa independencia económica, e crearase un fondo de garantía para cubrir o non pagamento das indemnizacións estabelecidas xudicialmente aos agresores.
A lei prevé tamén facilitar o acceso das vítimas á Renda de Integración Social de Galicia (Risga) e a súa inclusión con carácter preferente en todos os programas de formación e inserción laboral, e tamén nos procesos de acceso a unha vivenda. Ademais crearanse oficinas de atención especializada en cada provincia, e se estabelece o carácter de gratuidade na asistencia sanitaria, psicolóxica e xurídica ás vítimas. A lei recolle tamén unhas pautas sobre o tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación (malia existir xa dende hai preto de catro anos a Declaración de Compostela, que se pode consultar nos anexos).
Asistencia e organismos de control
En canto a asistencia, a lei prevé tamén a creación dun Centro de Recuperación Integral en Compostela, que ofreza ás vítimas atención e información integral sobre os recursos ao seu alcance. A secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, subliñou que se está a reestruturar o sistema de acollida co obxectivo de crear unha rede de centros que atenda, especificamente, as diversas necesidades das mulleres afectadas.
A norma salienta tamén que será a Policía Autonómica de Galicia o órgano que asuma todas as competencias en materia de loita contra a violencia de xénero. Ademais, prevese crear un Consello Asesor das Mulleres, como órgano institucional de carácter consultivo, que colaborará coa Xunta no desenvolvemento e aplicación desta lei, á parte dun Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero.
A norma conta coas achegas de máis de 60 asociacións, colectivos, entidades e institucións relacionadas coa loita contra a violencia machista en Galiza. Enmárcase na lexislación estatal e as normativas internacionais, e ten por obxecto a adopción en Galicia de "medidas integrais" para a "sensibilización, prevención e tratamento da violencia de xénero, así como a protección e apoio ás mulleres que o sofren", como indicou Carme Adán. A secretaria xeral da Igualdade apuntou tamén que a principal diferenza con respecto á norma estatal é que a lei galega recoñece os dereitos das vítimas sen necesidade de teren unha orde de protección.
Algúns datos
Segundo o Observatorio Sociolóxico do colectivo lugués Alar, no que vai de ano foron asasinadas 59 mulleres en todo o Estado, tres cuartos delas no seu propio fogar. e máis da metade polas súas propias parellas ou ex parellas. Tamén neste primeiro semestre foron solicitadas case 2.000 ordes de protección en Galiza. O seu informe completo pódese ler no anexo.