No entanto, o seu voceiro no parlamento español, Francisco Rodríguez, recoñece "cambios positivos, especialmente nos dereitos democráticos".
O voceiro do BNG, Francisco Rodríguez, atende os medios, este martes en Madrid
O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados de Madrid, Francisco Rodríguez, valorou como "triunfalista" e "en clave electoral" o discurso que o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, pronunciou este martes no chamado Debate sobre o estado da nación.
Rodríguez recoñeceu que durante esta lexislatura "houbo cambios indubidábeis a prol das liberdades democráticas no Estado español, xa que logo, cómpre recoñecelos".
Diferenzas sociais
Porén, criticou o triunfalismo noutros aspectos, sobre todo no que atinxe ao modelo económico e social. "Dicir que se reduce o paro mais non falar das diferenzas sociais tan grandes que está a haber, coido que é facer un xuízo excesivamente benévolo", subliñou o parlamentario nacionalista.
Por outra banda, considerou que Rodríguez Zapatero "foi algo abstracto ao falar do gran avanzo en infraestruturas, tendo en conta o forte desequilibrio territorial que hai no Estado español".
Para o deputado do BNG "será no debate onde haberá unha oportunidade para os grupos que apoiamos a este goberno -mais que non temos os mesmos criterios ca el- fagamos que baixe á area concreta, e de que o triunfalismo poida ser reequilibrado cos datos da propia realidade".
Axudas ás familias
Ademais, Francisco Rodríguez cualificou de "inapropiado" que o presidente do goberno español anunciase en pleno debate do Estado as novas medidas do seu Executivo para axudar ás familias con fillos -que inclúen unha subvención de 2.500 euros por cada nova crianza.
"Creo que non é axeitado facer este anuncio neste debate, e que ademais incorre en algo que é competencia das comunidades autónomas", dixo o nacionalista, quen engadiu que non só é unha "medida electoralista", senón que incorre nun "erro" ao prometer máis benestar social sen acompañar a proposta cun "financiamento axeitado".
A medida anunciada este martes polo presidente español coincide coa publicación por parte do Instituto Xeral de Estatística (INE) dos datos provisionais de Movemento Natural de Poboación. Segundo estes, Galiza rexistrou o maior crecemento vexetativo negativo do Estado, con 7.906 habitantes menos en 2006, ao contabilizar 21.469 nacementos fronte a 29.375 defuncións.