Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
A SEIS ANOS DA CRISE

O "corralito" aínda traumatiza os arxentinos

Segundo a opinión de psiquiatras de todo o mundo que participan nestes días do Segundo Encontro Internacional de Intervención en Desastres.

Débora Campos - 11:53 29/06/2007

A dramática crise do ano 2001 que padeceron os arxentinos aínda deixa pegadas na súa saúde mental seis anos despois segundo a opinión de psiquiatras de todo o mundo que participan nestes días do Segundo Encontro Internacional de Intervención en Desastres.

Os expertos que asisten esta semana ás reunións que conforman o Sétimo Congreso Internacional de Estrés Traumático -que remata na cidade de Bos Aires o sábado- dedicou parte dos debates do xoves ás situacións de estrés por cambios económicos. O psiquiatra Moty Benyakar, integrante da Sociedade Arxentina de Psicotrauma, explicou á prensa local que "a saúde mental non abarca só temas médicos, senón que hai que considerar todos os compoñentes da sociedade que teñen que ver co proceso de integración das persoas".

Pola súa banda, o secretario de Política Económica do Ministerio de Economía, Óscar Tangelson, asegurou que "a crise económica do ano 2001 foi a máis fonda que atravesou o país". Tangelson salientou que "do 3% da poboación que había daquela por debaixo da liña da pobreza no ano 1970 (un índice que cada mes calcula cantos cartos necesita unha familia para vivir na Arxentina) chegouse no ano 2001 ao 55%" e referiu "ao estrés" que ocasionou esa situación que "fixo perder a unha xeración, todo o que as anteriores tiñan acadado cos anos".

O economista recoñeceu que "os problemas que sofre ao país non son só do seu presente, senón que tamén das consecuencias de decisións pasadas". Tangelson lembrou que no ano "2001, un de cada catro arxentinos non tiña emprego" e considerou que "o paro foi un potencial do estrés, sobre todo na perda dos roles nas poboacións novas que se vían desalentadas".

No remate, o psiquiatra Carlos Collazo, integrante da Asociación Mundial de Psiquiatría, destacou a importancia "de ter capacidade de organización ante os desastres". Dixo que neses momentos "é necesaria a intervención médica na crise", pero tamén opinou que "hai que traballar na prevención de episodios que pode afectar a saúde mental da poboación".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: