A función e contido das deputacións da Coruña e Lugo complica agora os contactos entre BNG e PSdeG.
Este mércores tivo lugar o primeiro encontro especificamente realizado para definir un pacto concreto para a Deputación da Coruña, onde socialistas e nacionalistas xa xestionaron conxuntamente os últimos catro anos, e a Deputación de Lugo.
Aínda limitándose a un primeiro intercambio de impresións e documentos, os dous grupos constataron as diferenzas básicas. Así, mentres o BNG aposta por un modelo de goberno nas deputacións da Coruña e Lugo cun presidente socialista e un vicepresidente nacionalista, o PSdeG decántase por fórmulas de goberno diferentes para ambos os dous entes provinciais en función dos resultados electorais.
Tampouco chegaron a un consenso sobre a función das deputacións. O BNG aposta por que o pacto recolla o compromiso das dúas formacións para camiñar cara á "desaparición" destes órganos. O PSdeG é contundente neste punto e asegura que, por lei, é "imposíbel" que os entes provinciais desaparezan. En todo caso, os dous grupos son optimistas e consideran que as propias recomendacións xa estabelecidas no acordo marco para os concellos poden axudar a avanzar no tema das deputacións. Así, a aposta polo estímulo desde o nivel municipal por un novo modelo de organización administrativa do territorio, baseado na converxencia a nivel de comarcas e áreas metropolitanas, achegaría oportunidades para un pacto tamén neste punto.