Foi unha das esixencias de Rajoy no encontro deste luns para frear a presión sobre os socialistas. Ao fío, o PSN concederalle ao PP a alcaldía de Pamplona.
"O obxectivo, a prioridade, é a derrota da ETA", explicou Mariano Rajoy sobre a súa xuntanza con Zapatero este luns para avaliar a situación despois do anuncio da fin do cesamento de fogo da ETA. Comentou o líder do PP que "non é tempo de reproches nin de falar da credibilidade do presidente do goberno" e que o PP "apoiará sempre a derrota do terrorismo". "Que ninguén espere que repita o que dixen nos últimos meses", engadiu, "non vou falar da conduta de Zapatero", asegurou o presidente do PP.
Posteriormente, a vicepresidenta do goberno, María Teresa Fernández de la Vega, cualificou a reunión de "moi positiva" aínda que recoñeceu que nin se falou de pacto antiterrorista nin da posibilidade de deseñar outro acordo capaz de incluír ao conxunto das formacións políticas. Segundo explicou, PSOE e PP apostarán por "unha metodoloxía de traballo para este momento político". De la Vega recoñeceu que Rajoy solicitou a apertura dos trámites para a ilegalización de ANV, petición fronte á que o executivo subliña que "a día de hoxe é inviábel" pero garantíndolle ao PP que o goberno español "actuará con toda a contundencia" se ANV "cruza a liña marcada pola legalidade democrática".
O PSOE cede en Navarra
Un dos primeiros movementos que se coñecen despois da xuntanza de José Luís Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy e a decisión dos socialistas navarros de non apoiar a candidatura da coalición nacionalista Nafarroa Bai na cidade de Pamplona. A deputada Uxue Barkos aspiraba a converterse en alcaldesa co apoio do PSN e o de Acción Nacionalista Vasca, ANV. Pero este luns, a executiva do PSN anunciou que evitará o pacto con NaBai para evitar a converxencia dos seus apoios con ANV, unha lista que consideran fornecida "por Batasuna". O xiro da posición dos socialistas permitiría que continuase no poder a candidata do PP e alcaldesa en funcións, Yolanda Barcina. Está por ver se esa decisión se repite no conxunto de Navarra.