Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Asinado oficialmente o acordo marco

Touriño e Quintana defenden o 'diálogo' como 'garantía de goberno' nos concellos

Os líderes de PSdeG e BNG ratificaron oficialmente o pacto ao que chegaron ambas forzas o pasado venres e que permitirá a formación de "gobernos estábeis".

Redacción - 19:41 11/06/2007
O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana

O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana

O líder do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, e o do BNG, Anxo Quintana, presidente e vicepresidente do Goberno, respectivamente, asinaron este luns pasadas as 18.00 horas o acordo marco que sentará os alicerces para a formación de gobernos locais naqueles municipios onde ningunha forza política acadou a maioría absoluta.

O acordo estabelece que nas cidades a alcaldía corresponderá ao candidato da lista máis votada e a tenencia de alcaldía para a segunda. O reparto de áreas será proporcional ao número de concelleiros, e haberá un único programa de goberno consensuado.

No resto de concellos o acordo marco contempla a posibilidade de que se chegue ben a gobernos de coalición ben a acordos puntuais que posibiliten a gobernabilidade.

Garantía de goberno

Tras a sinatura, os dous líderes compareceron brevemente ante os medios. Pérez Touriño manifestou que con este pacto nacional "dáselles garantía de goberno aos concellos". "Asegúrase a formación de gobernos estábeis e municipios gobernábeis", afirmou.

Pola súa banda, Anxo Quintana dixo que "as forzas que teñen capacidade de diálogo, nun país plural e democrático, teñen capacidade para chegaren a acordos". E sinalou que malia seren forzas "diferentes", son suficientemente "maduras" para poderen negociar.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: