O diario vasco publica unha entrevista coa avogada de Otegi, Jone Goirizelaia, na que esta expón as opinións do dirixente independentista dende o cárcere.
Otegi continúa ingresado no cárcere de Martutene dende a sexta feira, e, a través da súa avogada, falou co diario vasco Gara, nun encontro no que quixo transmitir, sobre todo, que o único camiño para a resolución do conflito vasco é o que a esquerda abertzale debuxou coa proposta de Anoeta. Goirizelaia tamén salientou que o seu defendido pensa que o fundamental é seguir a apostar polo diálogo e o acordo.
Otegi trasladou á súa letrada que agora é o momento de ter tranquilidade e de deixar de facer as cousas como as ten feito até o de agora o PSOE, "a curto prazo e con idea de vinganza". Para Otegi, a idea que se debe amosar de Euskadi é a do diálogo futuro e o traballo diario na resolución dos conflitos nacionais.
"Otegi está preso por dar a súa libre opinión"
A avogada do dirixente independentista terminou explicando que aínda non teñen recibido a sentenza do Supremo que ratifique a pena imposta pola Audiencia Nacional, polo que aínda non poden recorrer o fallo ao Tribunal Constitucional, mais lembrou que os procedementos abertos contra o seu defendido son por "exercitar o dereito á libre expresión e á partipación política" e por "expór ideas e transmitilas á sociedade e participar en movementos de defensa dos dereitos do seu país".
A avogada tamén valorou as reaccións doutros partidos políticos ante o encarcelamento de Arnaldo Otegui criticando ao PNV e facendo responsábel ao PSOE do acontecido
Podes escoitar a entrevista enteira aquí e podes ler un resumo aquí.