A dirección nacionalista quere que a correlación de forzas que saíu dos comicios sexa palpábel nos consistorios.
As negociacións para un pacto xeral nos municipios non está a ser tan doado como semellaba a priori. Os nacionalistas non queren caer en erros do pasado. “Os acordos non poden ser coma os do PSOE e IU no resto do Estado; aquí o BNG é unha forza cun peso moi relevante e as urnas deixaron unha correlación de forzas de 60-40. Eso ten que visibilizarse”, sinala un destacado cadro nacionalista.
Fontes consultadas por Vieiros, explicaron que o BNG busca un verdadeiro acordo de “coalición” para que haxa estabilidade política nos concellos pero que, á mesma vez, as diferentes sensibilidades políticas queden claras para a cidadanía. O modelo a seguir é o que se está a practicar na Xunta e non o que se seguiu nos pactos municipais de 1999 e 2003.
Un dos principais problemas é o papel dos tenentes de alcalde. O Bloque quere que teñan un papel destacado e dispoñan de autonomía abondo para que non sexan “cargos virtuais”. O PSdeG é reticente a isto porque pensa que esta figura pode eclipsar os rexedores. Porén, dende as filas nacionalistas lembran que tamén vai haber tenentes de alcalde socialistas.
Aínda que nesta semana está a haber avances palpábeis, as posicións seguen a estar alonxadas. En contra xogan os reloxos. Socialistas e nacionalistas son conscientes de que o acordo nacional ten que chegar axiña para que logo comecen as negociacións concello a concello.