Non se estabelecerá de momento un obxectivo global a longo prazo para a redución dos gases do efecto invernadoiro. Así o confirmaban este mércores diante da apertura en Alemaña do cumio dos países máis ricos. O comunicado final, deseñado xa ao detalle polas delegacións asistentes nas reunións previas dos últimos días, renuncia a facerlle fronte a ese desafío.
Mentres, segue sendo noticia o amplísimo despregue de forzas de seguridade realizado polo goberno alemán no contorno da localidade onde ten lugar esta xuntanza dos sete países máis industrializados e Rusia. As medidas, cualificadas de "esaxeradas" por algúns deputados socialistas do Parlamento alemán, lembremos que o partido goberna en coalición cos conservadores, incluíron nas últimas semanas polémicas operacións de rexistro nas sedes de colectivos alterglobalizadores. Logo dos incidentes da manifestación da pasada fin de semana, o executivo alemán intensificou a presión sobre estes grupos.
Tamén contracumio "africano" Alén das actividades que á beira do cumio alemán están despregando asociacións ecoloxistas ou de defensa dos dereitos civís, outra cita reivindicativa ten lugar a moitos quilómetros de aló, en Sikasso, ao sur de Mali.
Aló, diversos colectivos xúntanse para recordarlle aos máis poderosos a débeda que teñen pendente con África. Baixo o lema "Si á solidariedade e non ao egoísmo", lembran que o G8 está incumprindo os plans que aseguraba ter para este continente, entre eles, a renuncia á asignación no último ano de máis de cinco mil millóns de euros que prometeran investir en axuda ao desenvolvemento.
Guieiro na rede