"ETA debe perder toda esperanza de calquera negociación", subliñou Mariano Rajoy, presidente do PP.
A declaración íntegra de Mariano Rajoy:
"Señoras e señores, moi bos días e moitas grazas pola súa asistencia a esta convocatoria.
Vou facer unha breve declaración en relación co último comunicado da organización terrorista ETA. Vou facela xunto cos meus compañeiros do Partido Popular do País Vasco. Síntome moi orgulloso de que isto sexa así. Son persoas que, como outros moitos cidadáns, sufriron -e moito- a ETA e que nunca deron un paso atrás na defensa da liberdade e dos dereitos humanos das persoas. A miña posición e a do meu partido é ben coñecida. Expresámola sempre e de forma moi particular nestes últimos tempos con absoluta lealdade. Non se pode negociar coas organizacións terroristas. Ceder ante unha organización terrorista é un erro que só serve para fortalecer a esa organización. Aos terroristas hai que derrotalos, e hai que derrotalos cos instrumentos propios dunha democracia, a lei e o Estado de Dereito.
A unidade de todos os españois na loita contra a organización terrorista ETA debe facerse en base, fundamentalmente, a estes principios, que son os que inspiraron o Pacto polas Liberdades e contra o Terrorismo, que tiña o apoio maioritario da cidadanía española.
En consecuencia, a ETA debe perder toda esperanza de calquera negociación e a ETA debe saber que o seu único destino é a súa derrota, cos instrumentos propios dun Estado de Dereito e democrático como é o noso.
Quixera dicir algunha cousa máis en relación con este asunto. Eu desexo que o Goberno de España rectifique. Pídolle ao Goberno de España que o faga. Pídolle claridade, certeza, seguridade e que non haxa ningún tipo de ambigüidade. A declaración desta mañá do presidente do Goberno non foi unha declaración clara neste sentido.
Eu pídolle que afirme que xa non haberá ningunha cesión nin ningunha negociación coa organización terrorista ETA. Pídolle que active todos os mecanismos que son propios dun Estado democrático e de dereito. E pídolle feitos e probas, que todos os españois necesitamos, de que, efectivamente, ten vontade de rectificar.
Para rematar, quero dicirlles que España é unha gran nación, con máis de corenta millóns de habitantes, e que uns terroristas non poden nin van dobregar a vontade maioritaria dos españois, que queren vivir en liberdade e exercer os seus dereitos como os cidadáns de calquera país democrático, como é o noso. A ETA será derrotada como corresponde, coa lei e co Estado de Dereito, sen atallos nin negociacións. E unha vez que a ETA sexa derrotada coa Lei e co Estado de Dereito, volverá a España a liberdade. E unha vez que haxa liberdade, haberá paz de verdade."