Este venres e desde as 10h, a XIII edición dun evento que reúne rapaces ás dúas beiras do Miño. Construíndo pontes para patrimonio inmaterial galego-portugués.
Poden acceder desde aquí á emisión en directo.
As escolas miran polo "tesouro vivo"
A Eurorrexión comeza pola escola, e diso é bo exemplo a maratón radiofónica entre centros educativos de Galiza e Portugal que vén celebrándose durante trece anos. Este 1 de xuño Ponte nas Ondas! ergue de novo unha ponte de comunicación onde os protagonistas son os cativos, de escolas galegas e portuguesas e desta volta tamén de Brasil, Chile, Colombia ou Nova York. Ese día poderemos escoitar unha programación realizada integramente por alumnos de todos os niveis educativos, desde a Infantil até a Secundaria, e nesta ocasión mesmo participarán mozos e mozas da universidade.
Esta primeira rede virtual do patrimonio inmaterial galego-portugués, e que tratará diversas formas de expresión do patrimonio, vaise tecer coa programación que os rapaces confeccionarán tanto en directo como nas gravacións realizadas para emitir a través de internet.
Son máis de 50 mil rapaces e rapazas os que se espera que dun ou outro xeito participarán nas emisións. Alén do protagonismo das escolas de Galiza e Portugal, Ponte nas Ondas! brinca o Atlántico e entra en aulas brasileiras, chilenas ou estadounidenses. O centro máis numeroso, o Colégio Pedro II de Rio de Janeiro, con 12 mil alumnos distribuído en once unidades por toda a cidade; tamén destacan as dez escolas de Bogotá, máis de 1.500 alumnos, ou os 800 alumnos do centro de lingua e cultura españolas de Nova York.
A programación deste día inclúe actuacións d'Os Terribles de Donas, o grupo de música tradicional máis antigo do Val Miñor, o "espectáculo da palabra" de Cándido Pazó, as regueifas de Luís Caruncho e Augusto Canario, a "voz conmovedora" da señora Carme, ou a colaboración do grupo Malvela de Mos con rapaces dunha escola.
Por vez primeira, o festival poderá seguirse a través da canle televisiva, vía internet, da Universidade de Vigo, U-Vigo TV.