Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Municipais 07

O centro nacionalista: ulo?

Máis alá do triunvirato que forman PPdeG, BNG e PSdeG na política do país, existen outras forzas que, sobre todo a nivel municipal, teñen un relativo peso específico, e que poden ser chave de goberno en varios concellos.

F. Arrizado - 11:21 24/05/2007

"Somos a opción máis necesaria", afirma con rotundidade o secretario xeral do Partido Galeguista, PG, e candidato á alcaldía de Vigo, Manoel Soto. "Somos de centro no económico e progresistas no social; representamos en Galiza o que o PNV, CIU e Coalición Canaria representan nos seus territorios".

"Logo, son vostedes nacionalistas?", pregunta Vieiros. "Somos galeguistas, -responde Soto con contundencia- que é un termo anterior ao de nacionalista, e con máis sentido, mais se o que me pregunta vostede é se Galiza é unha nación, non teña a menor dúbida: Galiza é unha nación".

Na web do PG explican este matiz lingüístico: "o substantivo Galeguista é algo que ten forza real, independente e individual, algo importante, fundamental e esencial; mentres que o adxectivo galeguista (coa minúscula inicial que levan todos os adxectivos) non pasa de ser algo secundario, non esencial e accidental".

Manoel Soto reivindica o "galeguismo do século XXI", lonxe da "visión bucólica e transversal" do termo. O PG critica, ademais, os que "marxinando a un segundo plano ou esquecendo as ideas e a ética do Galeguismo, buscaron e buscan os beneficios da estética mediática que lles dá empregar o xentilicio galeguista".

Terra Galega e o galeguismo 'popular'
Neste mesmo senso pronúnciase Guillermo Sánchez Fojo, vicecoordinador da zona norte de Terra Galega, TeGa, e concelleiro de Deportes de Narón, cando se lle menciona o presunto galeguismo que reclama para si mesmo o PPdeG: "O de deG do PP é un chiste; o Partido Popular é un partido estatalista, é o partido máis 'españoleiro' que hai debaixo das estrelas".

Non é a única polémica que mantén o TeGa cos populares, concretamente cos de Lugo, logo de que nas últimas datas se falase de presuntos contactos co presidente da Deputación lucense, Francisco Cacharro Pardo. Sánchez Fojo négao. "O que pasa é que os do PP andan nerviosos polos resultados do 27 de maio; aínda non gobernamos e xa nos están a dar paus", exclama.

'La Coruña'
Tampouco o PG anda exento de polémica nesta campaña. O seu candidato pola Coruña, Carlos Marcos, foi fortemente criticado por antigos galeguistas debido ao seu emprego do español na publicidade electoral e especialmente polo uso do topónimo La Coruña.

A este respecto, Manoel Soto afirma que "A Coruña é unha cidade peculiar" e que "Carlos Marcos avoga polo termo Coruña, coa intención de rematar coa división existente" entre os seus habitantes. Ademais, asegura que "na presentación da súa candidatura, Carlos dixo que vai traballar, mediante o convencemento, a convicción e a persuasión, pola entrada dos coruñeses no galego, e eu estou convencido de que vai ser así".

Enquisas manipuladas

Malia que as enquisas non lle dan un bo resultado ao PG na cidade de Vigo, Manoel Soto está seguro de que van conseguir representación. Acusa a empresa Sondaxe (que realiza os estudos para o diario La Voz de Galicia) de falsear os datos: "Teño no meu poder os datos auténticos e non se corresponden co publicado; inzaron os datos do BNG co fin de colocar a Caballero (Abel, candidato do PSdeG) na alcaldía", afirma.

Soto di non ter decidido a quen apoiará o PG para formar goberno chegado o caso, e manifesta que se fará "sen prexuízos", mais que nunca funcionarán como "un lobby de intereses electorais". De seguro que Corina Porro, candidata do PPdeG por Vigo, vai estar atenta aos resultados na noite do domingo.

Ademais, o secretario xeral dos Galeguistas amósase optimista respecto a outras vilas, da trintena na que se presentan. Así, considera que teñen moitas posibilidades de gañar a alcaldía de Monforte.

Narón, bastión do TeGa

Pola súa banda, o TeGa acude as eleccións do 27 de maio con opcións máis reais de gobernar. Parte coa vantaxe de ocupar postos de responsabilidade en varios concellos, malia ser esta a primeira vez que se presentan baixo a denominación de Terra Galega. Esta alberga varios partidos locais tal como Iniciativa Galega, Coalición Galega ou Unidade por Narón, do coordinador xeral do TeGa e alcalde da cidade, Xan Gato, auténtico bastión do novo partido.

De feito aspiran a revalidar folgadamente a maioría absoluta nesta localidade ferrolá. Tamén, segundo as súas estimacións, de entre as 63 candidaturas que presentan, agardan consolidarse en Carballo, co actual tenente de alcalde, Manuel Andrade, (que se presentou en 2003 polo Centro Democrático Independente) á cabeza, e dar a sorpresa en Ourense. Nos seus estatutos autodefínense como "unha forza política democrática, nacionalista, centrista e progresista" que traballa por "potenciar a identidade nacional de Galicia".

Malia a aparente coincidencia de ideoloxía, o TeGa e o PG non foron quen de chegar a un acordo para formar un grande partido de centro ou acudir coaligados a estes comicios electorais. Sánchez Fojo di que eles puxaron por esta posibilidade, mais que os Galeguistas rexeitaron a súa proposta, mentres que Soto afirma que as dúas forzas teñen intereses diferentes e insiste na singularidade do programa do PG.


4,07/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manoel soto, secretario xeral do PG
Manoel soto, secretario xeral do PG
Partido Galeguista
Partido Galeguista
Soto, co candidato Galeguista á alcaldía da Coruña, Carlos Marcos
Soto, co candidato Galeguista á alcaldía da Coruña, Carlos Marcos
Xoán Gato, no centro, co candidato de Ordes, Roberto González (esquerda) e co presidente do TeGa, Pablo Padín
Xoán Gato, no centro, co candidato de Ordes, Roberto González (esquerda) e co presidente do TeGa, Pablo Padín
Terra Galega
Terra Galega
Guillermo Sánchez Fojo, vicecoordinador de Terra Galega
Guillermo Sánchez Fojo, vicecoordinador de Terra Galega