Contraditorios discursos este luns nos actos dos populares, con protagonismo para o ex líder e o líder actual.
Na lembranza dos seus anos de goberno, diagnosticou Manuel Fraga este luns en Vilagarcía de Arousa tres etapas ben definidas. En canto a infraestruturas falou do paso "das corredoiras ás vías rápidas"; no que lle toca a sanidade, referiuse á evolución dos "menciñeiros" aos "centros de saúde" e destacou por último o eido da educación, do que dixo que hoxe en día "non estuda o que non quere ou o que prefire ir de botellón".
Asegurou Fraga ter consagrado a súa vida a "evitar" que se repetise unha guerra civil e cargou contra os que na súa opinión "queren revivir o 36", criticando os intentos de recuperación da memoria histórica "no canto de aprender dos erros". Ao fío, advertiu dos que "queren desfacer España" e chamou aos demócratas a non deixar que "partan en anacos" o Estado. Doutra beira, referiuse á que na súa opinión foi "a mellor lei electoral que tivo España", segundo Fraga, a promovida por Maura "en 1907" e que "estabelecía o voto obrigatorio".
Antes do ex presidente estivera no escenario o actual líder do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, quen se amosou seguro de que o seu partido "vai no carril onde debe ir, no do centro" e pediulle á militancia que non abandone nunca esa posición porque na súa opinión "é onde está a xente". No mesmo acto, o candidato do PP á alcaldía de Vilagarcía, Tomás Folé, afirmou que a oitava cidade de Galiza "leva anos perdendo trens e oportunidades".