Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na Rede do Patrimonio

Ponte nas Ondas! As escolas miran polo "tesouro vivo"

A XIII edición deste evento que xunta rapaces ás dúas beiras do Miño pretende tecer a primeira rede virtual do patrimonio inmaterial galego-portugués xurdida desde e para os máis novos.

Redacción - 13:00 21/05/2007

A Eurorrexión comeza pola escola, e diso é bo exemplo a maratón radiofónica entre centros educativos de Galiza e Portugal que vén celebrándose durante trece anos. O día 1 de xuño Ponte nas Ondas! ergue de novo unha ponte de comunicación onde os protagonistas son os cativos, de escolas galegas e portuguesas e desta volta tamén de Brasil, Chile, Colombia ou Nova York. Ese día poderemos escoitar unha programación realizada integramente por alumnos de todos os niveis educativos, desde a Infantil até a Secundaria, e nesta ocasión mesmo participarán mozos e mozas da universidade.

Esta primeira rede virtual do patrimonio inmaterial galego-portugués, e que tratará diversas formas de expresión do patrimonio, vaise tecer durante o día 1 de xuño coa programación que os rapaces confeccionarán tanto en directo como nas gravacións realizadas para emitir a través de internet.

Serán máis de 50 mil rapaces e rapazas os que se espera que dun ou outro xeito poidan participar ese día nas emisións. Alén do protagonismo das escolas de Galiza e Portugal, Ponte nas Ondas! brinca o Atlántico e entra en aulas brasileiras, chilenas ou estadounidenses. O centro máis numeroso, o Colégio Pedro II de Rio de Janeiro, con 12 mil alumnos distribuído en once unidades por toda a cidade; tamén destacan as dez escolas de Bogotá, máis de 1.500 alumnos, ou os 800 alumnos do centro de lingua e cultura españolas de Nova York.

A programación deste día inclúe actuacións d'Os Terribles de Donas, o grupo de música tradicional máis antigo do Val Miñor, o "espectáculo da palabra" de Cándido Pazó, as regueifas de Luís Caruncho e Augusto Canario, a "voz conmovedora" da señora Carme, ou a colaboración do grupo Malvela de Mos con rapaces dunha escola.

Por vez primeira, o festival poderá seguirse a través da canle televisiva, vía internet, da Universidade de Vigo, U-Vigo TV.

Poden ampliar na web de Ponte nas Ondas.


4,08/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: