As disputadas eleccións xerais que tiveron lugar o sábado en Islandia remataron, ao final, coa vitoria da coalición no goberno, formada polo Partido da Independencia, do primeiro ministro Geir Haarde, e mais o Partido do Progreso, de Jón Sigurðsson.
Malia o apertado resultado, o importante descenso dos votos do partido de Sigur
ðsson, favorábel á implantación de máis factorías de aluminio, podería levar ao primeiro ministro a buscar unha nova alianza na até agora oposición, formada polo Partido Social Demócrata e mais pola Esquerda Verde. Estes últimos partidos prefiren aparcar os proxectos de multinacionais como Alcoa mentres non se analiza o impacto ambiental e económico dos seus proxectos industriais. O escrutinio final deixoulle 25 escanos ao Partido da Independencia, tres máis dos que tiña, e só 7 para o Progreso, que tiña 12, o que lles dá matematicamente a maioría absoluta de 32 parlamentarios nunha cámara formada por 63. Do outro lado atópanse os Social Demócratas, a Esquerda Verde e os Liberais.
Islandia, cunha poboación de 300.000 habitantes, sempre estivo gobernada por coalicións. Nos comicios do sábado houbo unha participación do 82%, inferior ao 87% do ano 2003.