O vicepresidente, Anxo Quintana, sinala que esta norma debe ser "de todas as forzas políticas e do conxunto da sociedade", e non só da Xunta.
Anxo Quintana, nunha xuntanza con maiores en Melide o pasado verán
O Consello de Goberno aprobou este xoves o proxecto da Lei para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero. Agora, o texto legal será elevado a tramitación parlamentaria para a súa aprobación definitiva.
O borrador desta normativa é resultado dun proceso participativo, onde estiveron presentes máis de 60 colectivos relacionados coa violencia de xénero. O texto fai especial fincapé na prevención e na educación, e propón a revisión dos currículos educativos para fomentar a igualdade.
Ademais, estabelece un protocolo único de actuación en materia sanitaria e garante a atención psicolóxica gratuíta. A axuda económica ás vítimas tamén fica garantida coa creación dun fondo público que cubra o hipotético impago de indemnizacións.
Outros puntos salientábeis son a atención xurídica permanente e gratuíta ás vítimas e a posta en marcha de dispositivos de alarma e teleasistencia para as mulleres en situacións de risco.
Pioneira no Estado e en Europa
O vicepresidente do Goberno, Anxo Quintana, salientou nunha entrevista radiofónica na Cadena Ser que a Lei para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero nace como unha norma pioneira no Estado e en Europa, pola súa visión integral, transversal e multidisciplinar deste problema.
"Nós o que queremos con esta lei é que Galiza se dote dun instrumento para loitar contra a violencia machista, sabendo que nesta loita nunca os pasos son definitivos e nunca podemos caer na autocomplacencia", dixo.
Quintana indicou que dende Vicepresidencia se agarda o apoio unánime no Parlamento para este texto, e destacou que o proxecto aprobado polo Goberno é "froito dun longo debate e dun traballo conxunto no que participaron innumerables entidades, asociacións e persoas que levan loitando moitos anos contra a violencia machista".
Ademais, destacou que esta lei "é totalmente necesaria, porque Galiza tamén ten a súa especificidade nesta cuestión, e porque ademais debemos de elevar a rango de lei o que está sendo un consenso institucional dende todos os ámbitos que participan neste problema e na súa solución".