GPUL e GALPÓN acusan ao Goberno non cumprir os seus propios acordos, que estabelecen que a Xunta adoptará o software libre.
Touriño e a Presidenta de Microsoft nunha recente xuntaza
A recente adxudicación da Xunta a El Corte Inglés de 1,4 millóns en licenzas de Microsoft caeu como unha xerra de auga fría no movemento galego a prol dos programas libres. Non sen motivos, pois o Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), aprobado polo Consello de Goberno e o Parlamento como guía da política tecnolóxica, establece a “adopción de software libre por parte da Xunta de Galicia”.
Accións contraditorias
Dende o Grupo de Usuarios de Linux (GPUL) denuncian que con esta adxudicación “parece que a Xunta, ou polo menos a maior parte dela, non está pola labor de aplicar esa política”.
Cómpre lembrar que o polémico concurso é dunha consellaría, Presidencia, controlada polo PSdG; mentres que o PEGSI, aínda que debe aplicalo toda a Xunta, é unha iniciativa de Industria, nas mans do BNG.
Contra as recomendacións de Bruxelas
Tanto o GPUL como o Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPÓN) coinciden que a compra destas licenzas é contraditoria coa postura oficial do Goberno. “Se os programas usados na Xunta son privativos a información non é accesible para os cidadáns en formato estándar e polo tanto vai en contra do PEGSI e das recomendacións da Unión Europea”, explica Carlos Rodríguez, presidente de GALPON.
De “pouco xustificábel” cualifica esta adxudicación Emilio Padrón, voceiro do GPUL, pois “cun millón de euros e dous anos a Xunta tería abondo para migrar estes programas a software libre”.
Converter o gasto en inversión
O GPUL reclama “un cambio progresivo e constante” para que o Goberno aforre en licenzas e logre a “independencia tecnolóxica das multinacionais”, que son precisamente dous dos obxectivos fixados no PEGSI.
Dende GALPÓN explícase que o gasto de 1,4 millóns poderíase converter “nunha inversión se o pagamento fose para que desenvolvedores galegos melloren os programas segundo os desexos da Xunta”.