Un 30 de abril de 1977 e coa represión da ditadura zoupando nos arxentinos, algo máis dunha ducia de mulleres iniciaban a súa loita en Bos Aires, na Praza de Maio.
O desafío comezou en plena ditadura, e aquelas catorce nais pioneiras en erguer a voz a prol de seus fillos desaparecidos converteríanse en pouco tempo en todo un símbolo en favor da verdade, a memoria, a dignidade e a xustiza, dándolle voz ás reclamacións sobre milleiros de desaparecidos durante a represión que se estendeu até 1983.
Trinta anos despois son toda unha referencia en Arxentina e no mundo. Desde hai anos, o colectivo dividiuse en dous. Dunha banda a Liña Fundadora de Nais da Praza de Maio, centradas en reivindicar a memoria dos desaparecidos e conseguir xustiza aclarando os sucesos do pasado. Doutra beira, abrollou a Asociación Nais da Praza de Maio, reconvertida en actor político fundamental na historia arxentina recente.
Xa que logo, o colectivo posicionouse e tomou voz ao lado de ducias de movementos sociais en favor "doutro mundo posíbel". Segundo explican, deste xeito contribúen a seguir a memoria de seus fillos, asasinados por loitar a prol dun mundo mellor.