Os países ricos incumpriron os compromisos co continente, segundo explicou o ex secretario xeral das Nacións Unidas, Kofi Annan.
Annan liderou esta semana o Africa Progress Panel, que analizou a evolución desde que en 2005 o grupo dos países máis ricos do planeta prometese estimular o desenvolvemento de África e combater a pobreza do continente estabelecendo programas de axudas de até máis de 40 mil millóns de euros en cinco anos.
Dous anos despois Kofi Annan láiase de que "se os esforzos non se dobran antes de 2010 en pouco tempo será demasiado tarde". O ex líder da ONU fixo esta petición pública durante o foro que tivo lugar en Berlín e diante da chanceleresa alemá, Angela Merkel, quen dentro de poucas semanas será anfitrioa do cumio do G8.
"É un grave incumprimento das responsabilidades asumidas", queixouse durante o mesmo foro o músico e activista Bob Geldof, lembrando o compromiso destacado daquela polo propio primeiro ministro británico, Tony Blair. "A xustiza económica é a máis sagrada promesa que podemos facer, se a rachamos, estamos matando xente", afirmou Geldof.
O G8 aparece agora menos ambicioso cara a ese obxectivo e Merkel e Blair reduciron esta semana o compromiso á metade do prometido en 2005.