A Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal promoverá un maior recoñecemento deste espazo natural ante a Unesco en 2008.
Touriño foi recibido polo alcalde de Guimarães e o presidente da Comisión de Desenvolvemento do Norte de Portugal
Galiza e Norte de Portugal presentarán o próximo 2008 unha candidatura conxunta ante a Unesco para lograr que o Parque Transfronteirizo Xurés-Gerês obteña o recoñecemento de Reserva Internacional da Biosfera. Con isto, preténdese "potenciar" os espazos naturais comúns, e "poñer en valor" os recursos existentes a ambos os dous lados da raia.
Así o acordaron no plenario da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal organizado este venres na localidade de Guimarães baixo a presidencia do titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Na xuntanza aprobouse ademais o Plan Estratéxico de Cooperación transfronteiriza para os vindeiros sete anos, que conta cunha dotación de 97 millóns e que inclúe importantes apostas en materia ambiental.
Parque internacional
Segundo informou o presidente, responsábeis dos dous territorios traballan xa na preparación dos traballos técnicos, para elevar o próximo ano ante o organismo internacional a proposta sobre o parque Xurés-Gerês. Ademais, tamén estudan a posibilidade de crear un parque internacional, dado que a futura lei española de Patrimonio Natural e da Biodiversidade e a súa equivalente portuguesa así o contemplan.
A maiores, prevén fomentar accións de desenvolvemento sustentábel en materia de cooperación e intercambio de técnicas, rutas de sendeirismo transfronteirizas e programas de conservación e manexo de poboacións vulnerábeis, así como asegurar a protección dos hábitats das especies incluídas nos catálogos de especies ameazadas.
20 millóns de euros para o parque
Neste senso, dos 97 millóns de euros cos que conta o plan, o financiamento do programa de medio natural, patrimonio e prevención de riscos levará máis dun terzo, ata 36,5 millóns, dos que a maior parte, 20, destinaranse ao parque nacional de Peneda Gerês e ao do Xurés, situado na bisbarra ourensá da Baixa Limia.