Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
SÓ 53 FAMILIAS GALEGAS RECIBIRON SUBVENCIÓN

Andalucía universaliza as axudas para internet mentres en Galiza só hai para familias numerosas

O goberno andaluz subvencionará a conexión á rede de 30.000 fogares, con independencia da súa renda ou lugar de residencia.

Manuel Vilas - 11:15 12/04/2007

A Junta de Andalucía acaba de anunciar que pagará entre o 50% e o 100% da conexión a internet das familias. Por primeira vez calquera familia poderá obter a subvención, sen que sexa requisito vivir no rural ou ter poucos ingresos. O único límite é o número total de axudas dispoñíbeis, 30.000.

Esta situación contrasta co caso galego, no que unicamente as familias numerosas -aquelas con tres ou máis fillos- puideron pedir axudas en 2006.

Máis de 90.000 euros sen gastar
O resultado foi que un número insignificante de familias galegas, 53, obtivo a subvención. O total dispoñible para as axudas era de 105.000 euros. Tan só se chegaron a repartir 10.600 euros.

Segundo a Xunta, a causa do impacto tan reducido das axudas é que unicamente se presentaron 53 solicitudes que cumprían os requisitos da convocatoria.

Insuficiente para pagar a conexión
A Orde da Vicepresidencia fixaba a contía máxima da axuda en 200 euros para todo o ano. Unha cantidade insuficiente para asumir o custe dun ADSL básico, que ronda, como mínimo, os 330 euros ao ano. En Andalucía subvenciónase o 100% do prezo ás familias máis necesitadas.

Galiza segue a cola no uso de internet no Estado. O 30% dos fogares galegos dispoñen de acceso a internet, máis de dez puntos por detrás da media española, segundo datos do INE. Unicamente en Estremadura hai un menor porcentaxe de casas conectadas.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: